Recomendamos: Radio BuleBule, de Paco Nogueiras

Radio BuleBule é o novo traballo musical, en formato de libro-CD, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.

“O medio radiofónico inspira as 12 cancións deste novo libro-cd-dvd no que volven participar o ilustrador David Pintor e José Miguel Sagüillo dirixindo os videoclips que, como novidade, forman unha curtametraxe. Os temas dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades -tendencias, ciencia, natureza…-, música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica.

Conta cun limiar de Xurxo Souto, e epílogo de Ponte… nas ondas!, e as colaboracións dos xornalistas Ana Romaní, Xabier Fortes, Xosé Manuel Pereiro, María Xosé Rodríguez, Susana Pedreira, Tino Santiago, Fernanda Tabarés, Ainhoa Apestegui, Pablo Lago, Henrique Sanfiz, María Solar e Emilio Españadero.”

Recomendamos: A voz do vento, libro-CD en homenaxe a Manuel María

A voz do vento A Mesa A voz do ventoé un libro-CD publicado pola Mesa pola Normalización Lingüistica en homenaxe a Manuel María.

A voz do vento quere ser unha homenaxe ao recoñecido poeta e incansábel activista a prol da nosa lingua e de tantas causas xustas, socio e xeneroso colaborador da Mesa.
O libro ilustrado por Jano componse de 11 temas. Os temas son extraídos dos libros: Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas.
A tribo incomprensíbel está composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás. Neste libro-CD colaboraron coas súas voces Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa.

Recomendamos: Teatro de Guiñol, de Pirilampo

Teatro de Guiñol Pirilampo Teatro de guiñolé un libro-CD do grupo Pirilampo, publicado por Galaxia.

“Pirilampo volve coa súa enerxía de sempre e, desta volta, abeirado aos poemas retranqueiros e festivos de Manuel María. Unha combinación que é garantía de moitas horas de diversión”

Segundo Ramón Nicolás: “(…) Unha iniciativa loable, así pois, que pon enriba da mesa unha ferramenta útil e probablemente precisa para espallar a obra literaria do autor de Terra chá entre o público máis novo e non só. O libro, ademais, incorpora un corpus magnífico de ilustracións a cargo do artista gráfico Iván R. e mais un fermoso limiar, a cargo de Xurxo Souto, que define este grupo musical que ideou o proxecto como “un comando musical itinerante de artistas ventureiros que avanzan pola noite e enchen de melodías todo o que tocan coa súa luz”.
Moi atinada, por outra parte, paréceme a escolla realizada, entre a oceánica obra poética de Manuel María, para compor este libro e para musicar poemas como son “O vento”, “Poemiña do señor regato do Cepelo”, “O galo”, “A natureza”, “Teatro de guiñol”, “A fala”, “Neve” “O bolo”, “O meu cuarto, “Anduriñas” e a “Biografía da muiñeira”, todos eles procedentes dos libros As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá. Contemplados globalmente resultan composicións que constitúen unha pequena escolma chea de sentido, moi ilustrativa no que respecta a aos asuntos recreados e dominadas tanto por un forte ritmo interno como por un indubidable espírito festeiro e optimista. (…)”

Presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, na Biblioteca Veciñal de Monte Alto

43 MONTE-ALTO CARTAZDentro da ruta náutico-literaria, a viaxe ao Gran Sol, sen saír da Coruña, Xurxo Souto recala este xoves na biblioteca da AAVV de Monte-Alto (Campo de Marte).

Como xa ten acontecido noutras citas,“Os Contos do Mar de Irlanda” serán escusa para que diferentes veciñas e veciños do barrio conten historias do mar nas que eles son protagonista.
Unha nova reivindicación pois desa Coruña invisible -cidade barco- que se estende polos camiños do Atlántico. E tamén un novo encontro con esa auga que albisca o ollo dende o alto da Torre de Hércules: o Mar de María Antonia, nome case esquecido que agora por fin, terrícolas e terrícolos, principiamos a recuperar.

(Haberá toque de cornas e música de acordeón)

Reapertura da Libraría este venres 19!!

Este venres, sexta feira, 19 de decembro, reabrimos as portas da Libraría Sisargas no noso novo emprazamento, a RÚA SAN ROQUE, 7.

Estaremos toda a tarde para que poidades coñecer, a partir deste día, as novas instalacións.

Haberá pinchos, petiscos e moitas gañas de volver estar convosco, a parte máis importante da Libraría.

Ás 20:30 horas, precedidos por un pequeno concerto de Xurxo Souto, terá lugar un recital coa participación de varias voces poéticas (Dores Tembrás, Francisco X. Fernández Naval, Xosé Iglesias, Jose Montero, Rodrigo Osorio, Teresa Ramiro, Rosalía Fernández Rial e Ramiro Torres), en diálogo coa música ao vivo de César Morán. Despois teremos un magnífico fin de festa de reapertura con Moncho do Orzán!!

Non faltes!!!

Van estas dúas fotos de como está quedando a Libraría:

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Presentación de A porta de Europa, de Sabela Muñiz, o venres 24 ás 20:00 horas

O venres 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro A porta de Europa, de Sabela Muñiz, publicado en Redelibros. No acto a autora estará acompañada por Xurxo Souto.

“Dende o desenvolvemento das vías marítimas como principal medio de intercambio entre diferentes comunidades, a situación xeográfica e a singularidade orográfica das costas galegas sitúan o norte peninsular como un lugar estratéxico para poder introducir de maneira doada e discreta calquera tipo de mercadoría cara ó interior peninsular e europeo.
Mais os anos gloriosos dos clans da droga quedan atrás e un futuro incerto planea sobre o territorio. Os enfrontamentos entre os que queren recobrar aqueles días de poder e prestixio e os que pretenden evolucionar cara a unha nova organización apoiados polos cárteles, converten de novo a Galicia na chave para dominar Europa.
Neste escenario convulso transcorren as vidas dos personaxes desta historia. Trátase dun relato de suspense e ficción, cheo de complots e maquinacións, no que as verdadeiras intencións de cada quen son unha incógnita ata derivar nun final inesperado.”

Presentación de A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota, este sábado 23 de novembro ás 19:30 horas

A Terra Queima é un libro-disco obra de Xurxo Souto, o músico Lalo Carnota, e ilustrado por Sesé Barreiro e Xulio Rey, publicado en Xerais. Preséntase o sábado 23 de novembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto (Campo de Marte-Rúa da Torre), coa colaboración da Libraría Sisargas.

“Chíos de paxaros, vento entre as árbores, murmurios nas fontes, nos montes… Cantiga marabillosa! Só cómpre, como fixo Antón, o protagonista deste conto, deterse un chisco e escoitar a música da natureza. Mais, atención! Esta melodía ás veces tamén pode facerche graves confidencias. Mesmo reclamar a túa axuda para salvar o Mundo!”

Presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, o 2 de maio

O vindeiro xoves 2 de maio, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Parque de Marte, s/n) da Coruña, preséntase a novela Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, onde participaremos xunto á Asociación e a editorial, participan, acompañando o autor, José María Laredo Cordonié, Xurxo Souto e Fran Alonso.
Unha novela de aventuras de mar e de terra con batallas navais, abordaxes, tétricas escenas de terror e tenras de amor, senlleiros personaxes lendarios e reais –un náufrago desmemoriado, un crego sabio e revolucionario, un fidalgo reformista…– e unha vila maldita que conforman a iconografía histórica da galega Costa do Solpor. A novela está ambientada na Galicia rural e urbana de mediados do século XVIII, facéndonos partícipes das angueiras da vida cotiá daqueles anos. “Costa do Solpor” comeza cun manuscrito onde un descoñecido escritor británico de finais do século XIX narra as peripecias da viaxe de volta dunha misteriosa goleta inglesa cargada cun fabuloso tesouro. Tras unha cruenta loita cuns piratas nunha illa atlántica, a goleta regresa ao punto de partida, o porto de Bristol, pero unha tormenta obrígaa a buscar refuxio nunha ría da Costa do Solpor. Un membro da Confraría da Man Morta, decatándose da importancia da carga, marcha a uña de cabalo á cidade da Coruña e avisa o capitán dun bergantín pirata fondeado cun nome de conveniencia neste porto. O bergantín sairá ao encontro da goleta coa intención de lle incautar o tesouro. Logo da abordaxe, o grumete da goleta logra salvarse gañando a costa a nado. Os piratas perseguirano a morte pero o rapaz inglés farase amigo dun mozo e dunha moza da beiramar e tratarán, xuntos, de liberar a goleta e salvar os seus tripulantes dunha morte certa. “Costa do Solpor” foi finalista do Premio Xerais de Novela 2011.”