Recomendamos: Poesía Cromática, de Antonio García Teijeiro e Xulio García Rivas

Poesía Cromática é un libro de poemas de Antonio García Teijeiro en diálogo coa obra plástica de Xulio García Rivas, publicado por Belagua.

Poesía cromática é un libro singular de poesía e pintura. Nace dan proxecto artístico común entre un pintor, Xulio García Rivas, e un poeta, Antonio García Teijeiro, que se encerran á mesma hora nun segundo e nun terceiro andar do mismo edificio para crear. Catro sesións de dúas horas e media, nas que ambos cometan o acto creativo. García Rivas pinta cinco acuarelas e García Teijeiro escribe cinco poemas. Deseguido, intercambian ambos traballos. As pinturas provocan emoción e sensacións no poeta. Os poemas, tamén, no pintor. Esas sensacións levan a pintar e a escribir novas acuarelas e novios poemas que, partindo das sensacións experimentadas polo que ven ou len, se fan independentes e toman corpo de seu.”

Recomendamos: As últimas galerías, de Xosé María Álvarez Cáccamo

As últimas galerías, Pepe Cáccamo As últimas galeríasde Xosé María Álvarez Cáccamo, é un libro publicado pola Editorial Galaxia.

“Despois de variadas incursións na literatura infantil e logo de publicar dous libros memorialísticos, o autor de Vento de sal dá ao prelo esta novela de evocación coa que pescuda nos enigmas do pasado que, como borranchos que van perdendo senso coa distancia, precisan volver a ser decodificados e rescatados desa liña de sombra na que aparentemente parece acabar por ensumirse toda existencia.
Algunhas das mellores páxinas do Cáccamo prosista atópanse neste relato de ausencias recuperadas e presenzas que se perden nas galerías últimas da vida. A capacidade descritiva, que no poeta é intuición para os símbolos, no narrador transfórmase en potencia para dramatizar as situacións, para illar e extraer delas os elos da cadea argumental, a sintaxe narrativa dos momentos e das vivencias ancoradas nun pasado que a memoria da anciá protagonista case non logra reter.
O narrador, que simultaneamente é personaxe, debrúzase nas situacións, pois para Cáccamo, coma para Jean-Paul Sartre, a novela é un teatro de situacións. O relato elabórase a partir dunha indeterminación radical da situación, xa que tanto en Sartre coma en Álvarez Cáccamo, os feitos son irredutibles mais non determinan a existencia. O paradoxo da liberdade, como escribe Sartre, é que “só hai liberdade nunha situación e só hai situación pola liberdade”; a situación caracterízase pola súa continxencia e pola súa ambigüidade. Ao depender da liberdade, a inserción do significado na existencia fai que esta deixe de ser un longo río tranquilo, pois a través do senso a liberdade quere fixar unha relación co mundo que ha de ser necesariamente indeterminada para dar lugar ao porvir e para producir o mundo. Na novela de Álvarez Cáccamo, esa acción libre sobre o porvir reconstrúese cara ao pasado, o significado é a verdade que se lles quere escapar entre os dedos aos personaxes e, se cadra, se a novela é efectiva, tamén se lle ha escapar a quen le. Pois cómpre “conducir […] a vida por onde a levan as horas, sen proxecto, sen peso, sen medo”.”

Deixámosvos aquí a recensión de Ramón Nicolás sobre o libro, así como a lectura de Xulio García Rivas.