Recomendamos: O tabú na traslenda, de Isidro Novo

O tabú na traslenda, de Isidro Novo, está publicado por Urco Editora.

“O autor, dándolle gozo á súa imaxinación, quixo facer notorio o seu optimismo cara ao futuro do medio rural galego que a día de hoxe aínda está nun deprimente retroceso, a pesar deses gromos de xente con preparación cara a un obxectivo rendíbel que se asenta nel con intención de permanencia. A novela desenvólvese nunha parroquia de interior (Amarelle), unha parroquia que, sen nada que a potencie sobre as demais do seu arredor, estrañamente resiste cos mesmos habitantes de principios do século XX e no imaxinario de quen a habita latexa que é un ser sobrenatural que sobrevive neles como mito o que vela para que se manteña cunha vitalidade estábel. Os habitantes de Amarelle renegan das mouras como mito estereotipado diante da xente de fóra, pero ao mesmo tempo entre eles cren na súa, porque teñen constancia de que a Moura de Amarelle é un ser benfeitor, e máis dende os tempos nos que o seu amante é un veciño moi querido da parroquia que, namorado e perseguido, quixo ser encantado por ela.”

Aquí pode lerse unha recensión da obra en Kindlegarten.

Recomendamos: Peixe Babel, de Carlos Quiroga

Peixe Babel, de Carlos Quiroga, é unha obra narrativa publicada por Urco Editora, que conseguiu ser finalista no I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica.

“Intriga editorial nos alvores da internet. Busca de um indivíduo num enredo que tem a ver com traduçom automática, Dom de Línguas e umha «máquina de falar». O indivíduo procurado é o narrador de Inxala, livro que alguém chamado Luzia R achou relacionado com certas anotações e gravações que transcreveu e finalmente me enviou.
Nunca contei que na origem daquele relato havia cartas emprestadas por outra senhora e a sorte repete-se. Agora notícias frescas do cadáver misterioso que aparecia em Lisboa. E do seu verdadeiro assassino. E indirectamente do protagonista daquela obra, que ambos obsessivamente procuram em Peixe Babel… E eu que decidim atender a demanda de Luzia, mulher que conhecim alguns anos atrás durante umha pesquisa, arrumar e também publicar, nom sei se fago bem. Desvelo assim que nos factos anteriormente relatados havia mais veracidade do que ninguém na altura tinha suspeitado. O contraditório é que a revelaçom se faga a partir de tam desconcertantes anotações.
Talvez só o conhecimento das próprias peripécias de Luzia completassem o quadro. Mas essa é outra história.”

Aquí podes escoitar unha entrevista co autor sobre esta obra, no Diario Cultural.

Recomendamos: Cando cae a luz, de María Canosa

Cando cae a luz, de María Canosa, é unha obra narrativa publicada por Urco Editora.

“«Moitas veces ouvín dicir que os lobos non atacan as persoas. E isto non é certo», así dicía Ánxel Fole. Claro que, arredor dunha lareira, coas tebras da noite caendo sobre as costas, as lapas bailando na negrura e debuxando monstros na cara, as palabras dos relatos podían vestir de negro os pensamentos máis agochados. Naquela escena resultaba máis críbel e aterrador.
Noites de inverno nas que as palabras, o caldo e o viño quecían máis que o propio lume. Traballar pola fresca da mañá e xuntarse para falar ao cabo do día eran os fitos que marcaban o calendario. Falar. Comunicar. Transmitir. Compartir.
Os radiadores, a calefacción, quentaron os corpos e arrefriaron os corazóns.
Claro que os lobos seguen a existir. Non son tan doados de ver. Ocúltanse no monte e baixan silandeiros, en forma de sombras, ruídos, bicos traizoeiros, treboadas, badaladas… “

Podes ler aquí unha entrevista coa autora e un fragmento da obra en Palavra Comum.

Recomendamos: Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga

Querido H. P. Lovecraft,capa_querido_hpl_PROBA_so_capa de Antonio Manuel Fraga, que obtivo o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, é un libro publicado por Urco Editora.

Querido H.P. Lovecraft:
Cando lea estas liñas eu non estarei xa no mundo dos vivos…
Con estas palabras comeza a carta que Robert E. Howard lle envía ao seu amigo e mentor. Nun delirante escrito, o fantasista texano narra o seu progresivo descenso cara ao inferno da loucura e a desesperación, iniciado coa visita a unha antiga tumba india no interior dunha cova.
A partir dese fatídico día, Howard comeza a sentirse acosado polas sombras, propias e alleas, nunha desacougante mestura de soño e realidade. A escrita, os amigos, a relación coa súa moza, a saúde da nai… cada aresta da súa vida semella afectada polo miasma malsán no que devagar se vai mergullando.
Sen saída, totalmente acurralado polo celme dos seus medos, Howard debe procurar unha solución, unha fuxida, un sacrificio.”

Aquí pode verse unha entrevista co autor no programa Zig-zag da Televisión de Galicia.

Presentación de Morreu o demo, acabouse a peseta, o venres 14 de xuño

A sexta feira 14 de xuño, a partir das 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Monte Alto-Atochas-A Torre, nun acto organizado conxuntamente coa Librería Sisargas, terá lugar a presentación do libro-DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta. Un documental e máis de sesenta páxinas de contidos conforman este lanzamento, que quere difundir a figura de Barriga Verde, títere por excelencia no noso país durante o século XX. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais europeos, chega agora para a súa distribución en formato doméstico nunha edición de luxo que achega múltiples contidos extra.
Anxo García e mais Germám Ermida, da Asociación Cultural Morreu o Demo presentarán a iniciativa, que permite coñecer polo miúdo a figura de Barriga Verde, a súa importancia para a cultura galega entre os anos 10 e 60 do século pasado e mais o seu parentesco con outras figuras do títere popular europeo.
O filme Morreu o Demo, acabouse a peseta, dirixido por Pedro Solla e con produción executiva de Comba Campoy, amosa por unha banda o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde da man da compañía Viravolta Títeres, ao tempo que indaga nos parentes europeos de Barriga Verde: Punch, Pollichinella, Guignol ou Kaspar, amosando a vitalidade dun legado a nivel continental que tamén ten a súa representación no noso país.
O DVD vai acompañado dun libro de 62 páxinas que permite coñecer máis polo miúdo o proceso de xestación do documental, a importancia da tradición europea de títeres, a familia europea destes bonecos ou unha primeira achega á biografía de José Silvent, principal responsable de que Barriga Verde se convertise nun fito da nosa cultura popular. Textos de Toni Rumbau, Xaime Iglesias, Comba Campoy ou Germám Ermida actúan a xeito de extras do documental e permiten unha ollada máis fonda a este fenómeno da nosa escena.
A edición foi froito da colaboración entre Urco Editora, Tintimán Audiovisual e a Asociación Cultural Morreu o Demo, que inicia con esta iniciativa o seu traballo a prol da difusión e recuperación do títere tradicional galego. A Asociación que unifica diferentes inicitivas de investigación e divulgación encol deste tema, presentará proximamente as súas propostas de actividades para os vindeiros meses.
Os membros da familia Silvent foron os principais responsábeis da popularización deste personaxe, coñecido e imprescindible en feiras e festas de todo o país. Malia a se ter retirado da escena nos anos 60, moitos dos ditos das súas obras, como a frase “morreu o demo, acabouse a peseta” quedaron gravados na memoria popular de varias xeracións. No seu día obtiveron unha inmensa popularidade coa foi reivindicada por múltiples voces como a principal expresión teatral galega durante os anos da posguerra.