Recomendamos: Charamuscas, de Suso Lista

Charamuscas é a última entrega narrativa de Suso Lista, publicada por Edicións Embora.

“A linguaxe de Suso Lista ten a memoria humana, mais tamén a memoria líquida das ondas vagabundas e a memoria da ardentía no corazón do mundo. Talvez por iso é un xeito de narrar que nos acouga e desacouga, que nos equilibra e desequilibra que desvela e alumea zonas de sombra na condición humana, pero non fica aí, conformista, senón que deita novos enigmas. Tende conta ao intentar apreixar as Charamuscas. Son dunha irrompíbel fraxilidade. Teñen a verdade do que queima e asemade engrada os ollos. Son historias escritas coas mans de Suso Lista, das que o poeta Paul Celan ben diría: “Só as mans verdadeiras escriben contos verdadeiros”.

Manuel Rivas.”

Aquí pode verse unha entrevista co autor arredor deste libro no programa Zig-zag da Televisión de Galicia.

Presentación de Xeixos, de Suso Lista, este venres 18 de decembro

O 654_75482_CUB Libro Xeixos_BAJA.pdfvenres 18 de decembro, a partir das 20:00 horas, presentamos na Librería Xeixos, o último traballo narrativo até agora por Suso Lista, publicado por Edicións Embora. No acto, xunto ao propio autor, participa o dramaturgo Manuel Lourenzo.

En palabras do crítico literario Ramón Nicolás:
“Suso Lista ofrece a súa segunda incursión narrativa recorrendo, as máis das veces, á semblanza que abala entre crónica e ficción para deseñar un retrato do seu Corme natal, poboándoo así con personaxes e situacións singulares, sempre operativas para construír un vademécum irónico sobre a propia condición humana.
Neste deseño é o mar -ese murmurio continuo por veces abouxador- a testemuña imperturbable dos aconteceres que se experimentan. Mar e xentes simbolizados felizmente neses xeixos igualados pola aparencia lisa exenta de arestas, mais tamén diferentes entre si a rodaren suxeitos á erosión que o paso do tempo imprime. Xeixos que permiten reflexionar sobre o destino, a morte, a soidade ou a afouteza cun ton, naturalmente, salitroso.”

Presentación Xeixos Suso Lista e Manuel Lourenzo 18-12-2015