Recomendamos: Pakolas, de Paco Cerdeira

Pakolas é o novo traballo musical, en formato de libro-CD, de Paco Cerdeira, publicado por Galaxia.

“Cancións para rockandrollear, para soñar, para non parar de mover o esqueleto e de aprender.

Pakolas é un libro-CD que recolle na edición 10 novas cancións orixinais e tamén un dos contos que engloba o proxecto, e como novidade aporta a colaboración para a súa elaboración co Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, co que o autor traballou dende un primeiro momento. Deste traballo conxunto nacen estas cancións pero tamén os contos que as acompañan, xerando unha historia fantástica cunha parábola ou moralexa final, ademais de material complementario pedagóxico ao que se poderá acceder de xeito multimedia, xunto co resto dos contos. Así tanto estes profesionais logopédicos, como os centros escolares ou os propios lectores, a través dun código BIDI, atoparán materiais adicionais ademais do propio contido do libro.

A ilustración do libro corre a cargo da creatividade de Laura Romero, licenciada en Belas Artes na Universidad de Salamanca, que consegue darlle vida a eses animais protagonistas das cancións e contos fantásticos, a través das imaxes cheas de colorido.”

Recomendamos: A voz do vento, libro-CD en homenaxe a Manuel María

A voz do vento A Mesa A voz do ventoé un libro-CD publicado pola Mesa pola Normalización Lingüistica en homenaxe a Manuel María.

A voz do vento quere ser unha homenaxe ao recoñecido poeta e incansábel activista a prol da nosa lingua e de tantas causas xustas, socio e xeneroso colaborador da Mesa.
O libro ilustrado por Jano componse de 11 temas. Os temas son extraídos dos libros: Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas.
A tribo incomprensíbel está composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás. Neste libro-CD colaboraron coas súas voces Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa.