María Fumaça. As que máis molan!!!, de Uxía e Magín Blanco

María Fumaça, As que máis molan!!! é o novo traballo musical, en formato de libro-CD, do proxecto guiado por Uxía e Magín Blanco, publicado por Galaxia.

“Estamos de festa, cumprimos 5 anos de viaxe enchendo vagóns de amizade e de alegría, pero tamén de convivencia e integración do diferente.

O noso maquinista Ruí e toda a familia María Fumaça celebrámolo reunindo un feixe de éxitos e dúas novas cancións para incorporar ás vosas favoritas. As que máis molan é a nosa maneira de demostrarvos o moito que vos queremos. Témosvos sempre no noso corazón.”

Concerto-presentación de Gatuxo, de Magín Blanco, o venres 16 de xaneiro ás 18:00 h.

Este venres, 16 de xaneiro, a partir das 18:00 horas, estará na Libraría Sisargas Magín Blanco, quen fará un concerto de presentación do seu novo libro-disco, Gatuxo, publicado por Fol Música. Estará acompañado por María Faltri e Jorge Juncal. A entrada é libre até completar o aforo.

AMagín Blanco Gatuxo nova obra de Magín Blanco é un libro de ilustracións e de cancións extraordinarias, pausadas, alegres e tranquilas con instrumentacións coidadas e sutís, xogos de voces e ecos beatlelianos que transmiten emocións asociadas ao espertar á vida, alegría, risas, movemento, descubrimento, soño e que utiliza onomatopeas propias deste espertar. Ilustracións e cancións que axudan a crear o vínculo afectivo dos máis pequenos cos seus pais e contribúen ao desenvolvemento do córtex cerebral polo seu efecto positivo sobre a memoria e a atención. A escoita activa destas fermosas accións e a observación das ilustracións xunto ao pequeno, contribuirá a que alcance unha maior precisión para percibir e abstraer estímulos visuais e auditivos, desenvolvendo o seu sentido da orde e facilitando a creatividade. Tamén supoñen unha espléndida preparación pre verbal, co que os nenos poden comezar a falar antes e acelerar a aprendizaxe de idiomas. A súa aptitude musical e a súa coordinación motora desenvólvese e aprenderán a gozar coa música. Estas cancións tamén son moi útiles como terapia de distintas doenzas (ansiedade, estrés, alteracións do sono, autismo, etc.) A autora das ilustracións, Erica Maradona, é unha nova artista brasileira que soubo resumir de forma natural en cada escena ilustrada as emocións que GATUXO quere transmitir e que forman parte do espertar e a aprendizaxe dos que empezan a vivir.