Recomendamos: Fake, de Talabarte

Fake é un libro-disco do grupo Talabarte (Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual), publicado por Fol Música, e que foi PREMIO MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2017 na categoría de músicas do mundo. PREMIO OPINIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ 2017 ao mellor álbum.

“Cóntase que os Talabarte viaxaron durante 15 anos a bordo do Tradincerto, un aparello antigo de despezamento,e descubriron unha serie de historias que espertaron o seu interese e fascinación. De moitas destas historias coñeceron varias versións: a oficial, que é a que soe estar escrita nos libros, ou a popular, que é a que pertence á memoria da xente; outras eran falsas e fixéranlles crer na súa veracidade; tamén as había das que formaban parte de lendas ou tradicións… Pero axiña se decataron de que todas elas tiñan algo en común: a incerteza de non saber se eran verdadeiras ou falsas. E así foi como comezaron a interesarse polo mundo dos “fakes”.
Ao longo de todo este tempo, foron recollendo este valioso material mergullándose nas bibliotecas, museos e hemerotecas… Pero tamén nas tabernas e lugares de xuntanza de todas as aldeas.
Foi precisamente nestes furanchos onde os Talabarte beberon desa tradición e descubriron a súa música. Primeiro aprenderon a tocala, mais co paso dos anos mesmo chegaron a falala con destreza a través dos seus instrumentos. Falaban mazurcas, schottish, milongas, polskas ou tarantellas cun sotaque tan próximo ao son orixinal que ata había quen pensaba que estes músicos tamén eran nativos de alí -aínda que para quen os coñecemos, ben sabemos que dalgún xeito levan escrito no seu ADN ritmos tan nosos e senlleiros como a muiñeira, a xota ou o pasodobre-.
Con ilustracións de Pablo Xiráldez “O Pastor”, textos de Carlos Meixide e músicas que, inspiradas por esas historias que non se sabe canto teñen de real e canto de mentira, Fake bebe da tradición europea de ritmos bailables. Contemporaneidade e tradición xuntas nun directo orixinal e impactante. Imposible acougar os pés e non deixar voar os sentidos con Fake.”

Recomendamos: Tronzar os valos, de Sés

XaSés Tronzar os valos está aquí Tronzar os valos, o último traballo de María Xosé Silvar, Sés, editado por Fol Música.

Novo traballo da artista galega máis relevante do momento. Unha cantautora que viste as súas cancións de blues, rock e sons latinoamericanos. Tronzar os valos ten 12 temas novos para disfrutar da súa música. Nesta ligazón podedes ir sabendo onde terán lugar os concertos de presentación.

Aquí pode escoitarse o tema que dá título ao novo disco.

Concerto-presentación de Gatuxo, de Magín Blanco, o venres 16 de xaneiro ás 18:00 h.

Este venres, 16 de xaneiro, a partir das 18:00 horas, estará na Libraría Sisargas Magín Blanco, quen fará un concerto de presentación do seu novo libro-disco, Gatuxo, publicado por Fol Música. Estará acompañado por María Faltri e Jorge Juncal. A entrada é libre até completar o aforo.

AMagín Blanco Gatuxo nova obra de Magín Blanco é un libro de ilustracións e de cancións extraordinarias, pausadas, alegres e tranquilas con instrumentacións coidadas e sutís, xogos de voces e ecos beatlelianos que transmiten emocións asociadas ao espertar á vida, alegría, risas, movemento, descubrimento, soño e que utiliza onomatopeas propias deste espertar. Ilustracións e cancións que axudan a crear o vínculo afectivo dos máis pequenos cos seus pais e contribúen ao desenvolvemento do córtex cerebral polo seu efecto positivo sobre a memoria e a atención. A escoita activa destas fermosas accións e a observación das ilustracións xunto ao pequeno, contribuirá a que alcance unha maior precisión para percibir e abstraer estímulos visuais e auditivos, desenvolvendo o seu sentido da orde e facilitando a creatividade. Tamén supoñen unha espléndida preparación pre verbal, co que os nenos poden comezar a falar antes e acelerar a aprendizaxe de idiomas. A súa aptitude musical e a súa coordinación motora desenvólvese e aprenderán a gozar coa música. Estas cancións tamén son moi útiles como terapia de distintas doenzas (ansiedade, estrés, alteracións do sono, autismo, etc.) A autora das ilustracións, Erica Maradona, é unha nova artista brasileira que soubo resumir de forma natural en cada escena ilustrada as emocións que GATUXO quere transmitir e que forman parte do espertar e a aprendizaxe dos que empezan a vivir.