Concerto-presentación de Pitusa Semifusa e os estilos musicais, de Olga Brañas, o sábado 21 de outubro ás 12 h.

Con Pitusa Semifusa e os estilos musicais, de Olga Brañas, poderás coñecer o blues, o reggae, o funky, o swing, o hip hop… e non pararás de cantar e de bailar!
A vida está chea de cores e de sabores diferentes, tamén de estilos musicais.

Recomendamos: O monstro de Ille, de Jorge Emilio Bóveda

O monstro de Ille, de Jorge Emilio Bóveda, é unha obra publicada por Galaxia.

“Unha novela escura sobre un tempo escuro. Cando todo o sobrenatural era natural e meigas, demos, feitizos e Inquisición convivían con normalidade nun universo complexo e imprevisible. Esta é a historia de tres mulleres ás que a historia e a ignorancia van pasar por enriba, esnaquizándoas. Tamén é a historia dun instante en que a Fe e a Ciencia chocan violentamente. Temores e envexas, malfalares e maldicires, odios, nenos que veñen e non deberían vir, sacerdotes que desexan o que non deberían vir, sacerdotes que desexan o que non deberían. Un crebacabezas cheo de intensidade, de violencia e de agochos misteriosos.”

Recomendamos: Os nenos da varíola, de María Solar

Os nenos da varíola, de María Solar, é unha obra publicada por Galaxia.

“Desta volta, María Solar achégase a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Aínda que o foron. Nos seus pequenos corpor, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que unha muller fascinante, Isabel Zendal, xogará un apapel determinante. A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca.”

Aquí poden lerse as recensións sobre este libro.

Recomendamos: Historia social da lingua galega, de Henrique Monteagudo

Historia social da lingua galega, de Henrique Monteagudo, é unha obra publicada por Galaxia.

“Un estudo que pretende reconstruír as complexas relacións entre lingua e sociedade en Galicia a través do tempo, fundamentado nun sólido marco conceptual e metodolóxico que cuestina tópicos e doutrinarismos, este libro constitúe unha achega fundamental e enriquecedora ao coñecemento do noso pasado desde a perspectiva da Sociolingüística. A través das súas páxinas, pódese seguir a evolución da relación entre a sociedade galega e as linguas (nomeadamente, o galego, o latín e o castelán), contextulizada nas sucesivas coordenadas históricas e socio-culturais. Aténdese tanto o ámbito da comunicación -as funcións sociais das linguas- como as ideoloxías e os imaxinarios colectivos -as representacións sociais- e a maneira en que se integran nas dinámicas de moldeamento das identidades sociais. Rica en información, que se presenta de xeito claro e conciso, esta obra ofrece perspectivas novidosas sobre a historia social do idioma galego, e, por iso, desde a súa primeira edición en 1999, se tornou referencia obrigada para os estudosos e todas as persoas interesadas polo tema.”

Recomendamos: Versos para conversar, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

Versos para conversar, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, é unha obra publicada por Galaxia.

“Poesía que vai de ti para min.
Para ler e entender o mundo. Para saber como se nomean as cousas. E para recitar e falar. Unha pequena folerpa poética. Versos delicados que pintan de cor as cousas todas.”

Aquí podes ler unha pequena presentación na TVG e a crítica de Ramón Nicolás.

Recomendamos: Sapos e Sereas, de Ana Cabaleiro

Sapos e Sereas, de Ana Cabaleiro, é un libro de relatos publicado por Galaxia, estrea literaria da autora.

“Unha voz especialmente singular dentro da nosa literatura e que nos vai agasallar, no futuro, páxinas coa mesma potencia literaria coma as que temos neste mollo de relatos. Neste volume nada é o que parece. A autora disponse a darlle a volta a moitas historias que pensabamos que só se podían contar dunha maneira. E, grazas á súa ollada nova, descubrimos que hai moitos sapos que non merecen saír da fochanca, que hai Sereas atrapadas en destinos tráxicos e que a realidade é, cando menos, cuestionable. Mellor dito, que hai que a cuestionar.”

Aquí pode lerse unha entrevista coa autora en Sermos Galiza.

Recomendamos: Mariña: de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira

Mariña: de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira, libro que conseguiu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016, está publicado por Galaxia.

“O libro é unha análise e estudo da apropiación dos mitos célticos e da relixiosidade galaica realizada polo cristianismo. Neste caso, exemplificada a través das múltiples advocacións a Santa Mariña presentes en Galicia. Mariña: de deusa a santa está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transofrmacións históricas do culto pagá e do cristián. Estas transformacións converteron os lugares de culto coma montes, fontes, árbores e lagoas sagradas en lugares cristianizados. O traballo de investigación realizado polo autor insírese dese xeito nunha tradición de grande importancia para a cultura galega, tradición que chanta as súas raíces no labor do Seminario de Estudos Galegos. Velaquí un ensaio ben documentado e cunha exposición analítica dun caso senlleiro que constitúa unha especificidade de enorme significado para a antropoloxía cultural de Galicia.”

Recomendamos vivamente entrar no blogue do autor!

Presentación de Nordeste, de Daniel Asorey, o xoves 30 de marzo

O xoves 30 de marzo, ás 20:00 horas, Daniel Asorey presenta Nordeste, obra que obtivo o Premio Repsol de Narrativa Breve 2016, e publicada por Galaxia. No acto, o autor estará acompañado por Mercedes Queixas e Malores Villanueva.

“No bergantín Leboreiro, volve a unha Compostela poderosa e marítima Carme de Candingas, vedora maior da República das Santas Irmandades da Galiza. Recibira a orde de visitar as colonias que a patria posuía no Nordeste brasileiro. Naqueles territorios arredados debeu comprobar se o goberno da Compañía Galega de Indias concordaba cos principios xurdidos, había máis de douscentos anos, nas revoltas irmandiñas. Moito despois, na década de 1930, Matilda, unha xornalista que traballa en São Paulo, viaxa tamén ao Nordeste para informar sobre a máis perigosa banda de cangaceiros, bandoleiros que coa súa presenza talvez están a crebar o autoritarismo que se apodera do goberno do Brasil e do mundo enteiro. Na dureza daquela viaxe coñecerá a Maria Bonita, a máis famosa salteadora do Brasil. A bandoleira, cunha vida fóra das leis ditadas polos homes, presentaralle o sertao desértico, fermoso e implacable. As tres mulleres sentirán o amor, a violencia e a beleza dunha terra castigada e esquecida. As tres compartirán, ao cabo, a difícil e perigosa opción da liberdade.”

Aquí pode verse unha entrevista co autor no programa de televisión Zig-zag.

Presentación de Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, o mércores 29

O mércores 29 de marzo, ás 20:00 horas, presentamos Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, publicada na Editorial Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Eli Ríos e Francisco Castro.

“Neste libro de Emma Pedreira hai libros que falan de libros que conteñen libros que nos poden enfermar ou sandar ou sandar ou sacar o mellor de nós, que pode ser o peor.
Un mollo de relatos, dende micros a máis longos, nos que a trama e o desenlace se adiviñan entre páxinas, entre lombos de volumes curiosos para xente así de curiosa: os biblíopatas e fobólogos. Libros polos que matar e polos que vivir. Libros que dan a vida e a quitan. Personaxes nos lindes da razón que atopan na lectura, nas letras, nas semánticas máis estrañas, a súa razón de ser ou un motivo para mandar. Unha proposta literaria de Emma Pedreira, unha das autoras con máis proxección da literatura galega actual.”

Recomendamos: O canto da Sibila, de Rebeca Baceiredo

O canto da Sibila é un poemario de Rebeca Baceiredo, publicado en Galaxia.

“Facendo uso da lírica pagá e medieval mais guindando boias ás tradicións non occidentais, retómase a palabra non dita, a palabra non articulada, a palabra gutural, retida na gorxa das mulleres.
Entre os pasos pisados con solemnidade e forza, rachando a atmosfera postapocalíptica, a sibila anuncia unha lírica que foxe da clausura, abríndose ás fendas do eu.”

Aquí poder lerse esta entrevista feita á autora na Palavra Comum.