Recomendamos: O Códice esmeralda, de Alberte Blanco Casal

O Códice esmeralda, de Alberte Blanco Casal, é unha obra narrativa publicada por Xerais.

“O achado dun antigo manuscrito familiar embarca a Xacobe nunha investigación que o retrotrae aos tempos da batalla de Rande. Xan Bieito, un antepasado seu, fora grumete na frota de Nova España e relatara as peripecias da longa viaxe, ademais da histórica batalla naval de 1702 na Ría de Vigo. O manuscrito deixaba entrever a existencia dun tesouro oculto, protexido por un estraño enigma que deberían resolver os seus sucesores. A busca das claves para esclarecer o misterioso segredo mergulla a Xacobe nunha aventura sorprendente na que vai descubrindo a recóndita personalidade do seu devanceiro, envolta en novos enigmas. Mais ao protagonista asáltano uns estraños soños simbólicos que se entrelazan coa realidade e cun mundo que descoñece, creándolle unha enorme confusión que o impulsa a afondar máis na investigación. Emporiso, o que busca Xacobe, axudado polo seu amigo Elphi, é en realidade un antigo códice maia, gardián dun arcano marabilloso, que os levará a desprazarse por toda a Ría de Vigo percorrendo un camiño iniciático no que irá sacando as capas de cebola que ocultan a realidade. Trepidante novela de intriga, O Códice esmeralda supón un engaiolante achegamento á historia da batalle de Rande, un dos episodios galegos nos que cómpre afondar.”

Recomendamos: O trapecista da malla de rombos, de Alberto Canal

O trapecista da malla de rombos, de Alberto Canal, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“Con dez anos acabados de cumprir, Iupanki soña con converterse no trapecista principal do Circo de los Muchachos. Mais todo se volve na súa contra. Cando coñece a nación de Benposta, o país utópico onde reside a escola do circo e os nenos son quen gobernan, atópase con xente estraña que quere destruír o soño que axudaron a erguer cativos de diferentes partes do mundo. O neno Iupanki, aguilloado polo amor que comeza a sentir pola contorsionista Nuna, decide entón embarcarse na aventura de salvar o circo das gadoupas dos poderosos para asegurar que os artistas da malla de rombos poidan seguir levando a maxia do circo a todos os recunchos do planeta. Baixo a mirada inocente e soñadora dun neno, O trapecista da malla de rombos rende homenaxe á utopía que se fixo realidade en Benposta, a cidade dos rapaces. Un proxecto nacido do compromiso e a ilusión, que pasou a formar parte da memoria colectiva de varias xeracións.”

Aquí pode verse unha entrevista ao autor en La Región.

Recomendamos: Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas

Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas, con ilustracións de Víctor Rivas, está publicado en Xerais.

“A que xogan os defuntos os xoves pola noite no mausoleo de Escarlatina? Lograría a cociñeira montar o seu propio restaurante? Quen goberna no Alén na actualidade? Quen foi o verdadeiro asasino de Amanito? Son moitas as preguntas que flotan no ar, entre as tumbas dos defuntos. Os arquivos secretos de Escarlatina é un libro para mentes curiosas. Unha obra onde a escritora e mais o ilustrador interactúan co público. Receitas terroríficas, un espectáculo de circo e diversos contidos extra reunidos nun volume pensado, ademais de para ler, para xogar e afondar no universo de Escarlatina, a cociñeira defunta.”

En palabras do crítico Ramón Nicolás: “Velaquí unha proposta orixinal e escasamente transitada neste formato entre nós e que encherá os devezos por saber máis, por obter máis información sobre este sólido mundo ideado por Costas cunha lectura visual impresionante e suxestiva a cargo de Víctor Rivas, e que contén verdadeiras sorpresas que van desde ofrecer, no mesmo libro, xogos, actividades ou mesmo brindar a oportunidade para participar nun concurso no que se formula un enigma para resolver. O libro responde, así pois, moitas preguntas que, de certo, milleiros de persoas que leron o devandito libro se formularon nalgún día e ten un marcado carácter interactivo. Non é pouco.”

Recomendamos: O lapis máxico de Malala, de Malala Yousafzai

O lapis máxico de Malala, é un libro de Malala Yousafzai, Premio Nobel da Paz, ilustrado por Kerascoët, e traducido para o galego por María Alonso Seisdedos, publicado por Xerais.

O primeiro álbum ilustrado de Malala inspirará a nenos e nenas de todo o mundo a atopar a maxia ao seu redor. Malala, como o personaxe dunha serie da televisión, desexaba ter un lapis máxico. Con el faría feliz a súa familia, borraría o cheiro a lixo da cidade, detería o tempo para durmir unha hora máis pola mañá… Pero nun momento dado caeu na conta de que había cousas máis importantes que arelar. Non lle gustaba o mundo que vía e quería mudalo. E aínda que nunca atopou un lapis máxico, decatouse de que podía traballar arreo para facer realidade os seus desexos.Este volume, fermosamente ilustrado, narra a historia de Malala para o lectorado máis novo e amosa como se pode abrazar a esperanza, mesmo nos momentos máis difíciles.”

Aquí podes ler a recensión do libro publicada no blogue Trafegando ronseis.

Recomendamos: Corredora, de María Reimóndez

Corredora, de María Reimóndez, está publicada por Edicións Xerais.

“Genet Mullugueta naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Alí, vendendo panos nos cruzamentos, Genet coñeceu a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que, sorprendido coa súa resistencia e velocidade, lle propón adestrar en Meskel Square. Dende entón, a súa vida mudará, como a doutras nenas, mozas e mulleres etíopes que corren contra si mesmas sen fin. Corredora é unha historia colectiva de superación deportiva. Recolle a tradición atlética de Etiopía na busca activa de talentos entre as crianzas do rural ou empobrecidas nas cidades.”

Recomendamos: Luns, de Eli Ríos

Luns, de Eli Ríos, é unha obra publicada por Xerais.

Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega, 2016.
“Nerea ten a vida organizada. Pode considerarse unha muller con éxito dentro do estándar que marca a sociedade: é funcionaria, ten unha filla e un fillo, casada e con casa propia. No entanto, un luns recibe un diagnóstico de cancro de mama que o cambia todo. Vai morrer e ten apenas dous meses por diante e mil cousas pendentes por facer, que non poden ficar sen resolver. Moi pouco tempo e á vez suficiente para se decatar de que a súa realidade non lle permite encontrar un modo de se enfrontar á situación. Coa certeza da morte pairando en cada recuncho toma consciencia dunha realidade que non sempre é o que parece. Unha realidade oculta a plena luz do día. Luns, gañadora do Premio Torrente Ballester de novela en 2016, está escrita cunha técnica arriscada, valente e innovadora, que prescinde de adobíos e consegue conmover, logrando facer partícipe a quen a le das circunstancias que acontecen no día a día de Nerea.”

Aquí poden lerse as opinións da autora sobre o libro.

Recomendamos: Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, é unha obra publicada por Xerais.

Premio da Crítica Española (en lingua galega), 2016.
“A Radoslav non lle queda máis remedio que gorecerse da chuvia nunha vella taberna fronte á entrada principal do porto, cando unha intensa bátega de auga o sorprende á saída do traballo. Nevenka Teodosic, a contumaz profesora de linguas románicas que agarda a inminente saída do cárcere de Goran, contempla as luces de neon sobre as pozas de auga no asfalto da cidade durante a viaxe en autobús á casa. Aspasia comeza a afacerse ás consecuencias neurolóxicas da enfermidade e, malia a adversidade, non evita sentirse feliz, coma Anja, a moza que non sabe se quere ser poeta, mecánica ou bióloga. Non hai outro camiño conta a historia de Staro Selo, unha urbe ao pé do mar na que os seus habitantes teiman, a forza de sobrevivir, por tecer unhas estrañas relacións que son as que, finalmente, acaban por dar carácter a unha cidade que semella querer pasar anónima a forza de autoridade, asfalto e chuvia.”

Aquí pode lerse a crítica da obra feita por Ramón Nicolás.

Recomendamos: Horizonte de sucesos, de Anxo Fariña

Horizonte de sucesos, de Anxo Fariña, é unha obra publicada por Xerais.

“Tiña dezaoito anos e estaba a piques de comezar o primeiro curso na facultade de Belas Artes cando entrou como bolseiro educador na Escola Fogar do centro de acollida de menores Cidade Infantil Afonso X. Naquel ambiente de aire decadente e escuro, envelenado polo cheiro da fábrica monstruosa, ocorreu o incidente do que aparentemente non houbo testemuñas. Deixándose levar polas dores da “migraña”, o educador rememora o horizonte daquel suceso tráxico que lle deixará marcas perturbadoras capaces de variar o seu rumbo.”

Aquí pode lerse unha crítica da obra, publicada en Trafegando ronseis.

Presentación de Arredor das Irmandades da Fala

O xoves 2 de febreiro, ás 20:00 horas, preséntase o libro Arredor das Irmandades da Fala, coordinado por Luís Cochón, e publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao coordinador, Xulio Ferreiro, Xosé Ramón Barreiro, Arturo Casas e Manuel Bragado.

Este libro, coordinado polo profesor Luís Cochón, reúne trinta traballos moi diversos arredor das Irmandades da Fala, o fenómeno que supón o principio da modernidade en Galicia no século XX. Un período, entre 1914 e 1931, que na historia do galeguismo configura un espazo sen volta no acontecer de Galicia, que comeza co inicio da Gran Guerra e se alonga até a proclamación da República do 31, ano de fundación do Partido Galeguista e da celebración da VII Asemblea das Irmandades da Fala, principio e cabo deste tempo. Tras un limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín e unhas palabras introdutorias do editor literario, os traballos organízanse en tres grandes bloques: Pensamento, Política e Poética. Unha tríade que, coincidindo coa celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, artella un libro de intención coral, interdisciplinar, transversal e aberta. “Nesta obra, en realidade, aquel que se presenta como coordinador é verdadeiramente un autor. Luís Cochón esixe e orienta os partícipes que ten ao seu redor e reparte traballo. E dálles a palabra aos mortos. Pilla aquí e acolá, do patrimonio de vivos e defuntos, porcións de pensamento que acheguen máis as Irmandades para que poidamos rescatalas do estado de momificación nocional en que se encontran no discurso histórico comunmente aceite e oficializado. Pódese falar de collage, de mosaico, mesmo de farrapeira, pero o resultado é un centón que vai apaixonar o lector disposto a participar da aventura menos coñecida do pasado do cal dependemos” (Xosé Luís Méndez Ferrín).

Recomendamos: Xa non estou aquí, de Iria Misa

Xa non estou aquí, de Iria Misa, publicado en Xerais, foi a obra gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016.

“Ánxela repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais. A súa vida sofre un cambio rotundo cando, a comezo de curso, meses antes da súa misteriosa desaparición, coincide con María, que a seduce para integrala nos Murnios, un grupo de hábitos diferentes ao resto de compañeiros e compañeiras. Fascinada pola acollida destas novas amizades, aceptará asumir as arriscadas probas a que os Murnios se autosometen decontino na procura de experiencias vitais extremas que os satisfagan, o que creará momentos de incerteza na feble personalidade de Ánxela, afectada pola incomprensión da súa familia e polo abandono intensamente doloroso da súa parella. Xa non estou aquí é unha novela que fala de sentimentos universais: da necesidade de pertenza a un grupo, do amor, da soidade e da morte… Unha novela coral onde dende diversos puntos de vista se pon de manifesto o cariz tan distinto que pode tomar a realidade dependendo dos ollos de quen a mira.”

Aquí pode lerse a crítica desta obra a cargo de Ramón Nicolás.