Recomendamos: CO2, de Isidro Novo

CO2 é un libro de poemas de Isidro Novo, publicado por Positivas.

“O autor deste libro considera que a vocación da poesía é estar a cada intre rexenerada e non ser vítima nin de tradicionalismos extemporáneos nin de modas convencionais provocadoras de anquilosamento na súa función esencial de mirar, dende perspectivas diferentes e empoleirada no bordo do hoxe, o lonxe por vir.
Isidro Novo di que o poeta debe aspirar a ver o que ninguén ve e a dicir como ninguén dixo, e con tales parámetros construíu este CO2 no que pretende mostrar unha visión global do mundo que percibe e mesmo doutros mundos que intúe.”

Aquí pode lerse unha entrevista de Montse Dopico ao autor en Praza.

Recomendamos: Proxecto ELO, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira

Proxecto ELO ELO_Rosalia_Fernandez_Serxio_moreiraune a poesía de Rosalía Fernández Rial e a música de Serxio Moreira.

Recollemos as palabras da autora en Sermos Galiza: ““Elo” pola unión, polo encontro da musica e poesía. “Elo” tamén pola sonoridade -recorrente como sufixo galego- e polo carácter visual da palabra. Elo, tamén, por esa expresión que queda no ar nas conversas cotiás: “E lo?”.
O Proxecto Elo, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, chega agora a disco despois de ter pasado por múltiples soportes e disciplinas. Naceu nos libros de Rosalía Vinte en Escena e Ningún amante sabe conducir (os dous en Edicións Positivas), e, como levaba acontecendo desde anos atrás, desde o inicial Átonos, non tardou en xuntarse á música de Serxio Moreira para se mostraren conxuntamente ao vivo. Doce poemas dos dous libros que comezaban así unha nova vida e un camiño a través de distintos soportes e formatos. (…)
“Este proxecto empezou en escena e o fin é a escena. Cremos na poesía viva, nas artes vivas que deben transcender os formatos e espallarse. Cremos na interdisciplinariedade artística, a escena e a música fan que o libro teña máis vida”, explica, para quen, alén da linguaxe contemporánea a iniciativa sigue a tradición da historia da literatura galega. “Desde a época medieval a poesía fíxose ao vivo e non ha que esquecer que nós somos parte dunha literatura e dun país”, apunta, antes de iniciar outra nova xeira na que conta levar os libros, e xa o disco, de novo ao encontro co público, ao vivo.”

Deixamos aquí tamén a entrevista á autora publicada na revista dixital Palavra Comum, para coñecermos mellor o seu universo creativo, e este artigo seu na mesma revista sobre ELO.