Recomendamos: Charamuscas, de Suso Lista

Charamuscas é a última entrega narrativa de Suso Lista, publicada por Edicións Embora.

“A linguaxe de Suso Lista ten a memoria humana, mais tamén a memoria líquida das ondas vagabundas e a memoria da ardentía no corazón do mundo. Talvez por iso é un xeito de narrar que nos acouga e desacouga, que nos equilibra e desequilibra que desvela e alumea zonas de sombra na condición humana, pero non fica aí, conformista, senón que deita novos enigmas. Tende conta ao intentar apreixar as Charamuscas. Son dunha irrompíbel fraxilidade. Teñen a verdade do que queima e asemade engrada os ollos. Son historias escritas coas mans de Suso Lista, das que o poeta Paul Celan ben diría: “Só as mans verdadeiras escriben contos verdadeiros”.

Manuel Rivas.”

Aquí pode verse unha entrevista co autor arredor deste libro no programa Zig-zag da Televisión de Galicia.

Presentación de Amada García e os seus arredores, de Bernardo Maiz, o xoves 23 de marzo

O xoves 23 de marzo, ás 20:00 horas, Bernardo Maiz presenta Amada García e os seus arredores, publicado por Edicións Embora, coa presenza do seu autor, xunto ao que participarán tamén Emilio Grandío e Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

“Amada é o fío condutor deste estudo, figura simbólica dun pobo que viu coutadas as súas esperanzas cando tomaba ao fin o protagonismo histórico.
Ofrece este volume a visión dun tempo republicano que concluíu cando a xente do común como Amada García Rodríguez foi vítima dun “golpe de estado perpetrado por Franco o 18 de xullo de 1936, o réxime ditatorial consecuencia deste golpe de estado e os crimes e represión exercidos sobre as persoas vencidas” (Parlamento Galego, 18 de xullo de 2016).
Preséntanos o autor unha Amada García histórica, fidedigna, contextualizada, lonxe da ficción, extraendo da documentación escrita, “do rastro que deixou”, só o que acredita como verdadeiro, que non é o mais épico nin o máis tenro nin o máis tramático, aspectos estes case sempre esaxerados e inexactos. A historia real supera á ficción.”

Pode lerse aquí esta entrevista de Xurxo Salgado ao autor, Bernardo Maiz, en Historia de Galicia: “Amada García loitaba polo empoderamento feminino e por iso a asasinaron na Guerra Civil“.

Recomendamos: DisParo, de María Canosa

DisParo, Portada_disparo.inddde María Canosa, é unha novela publicada por Edicións Embora.

“Un disparo produce un ruído tan enxordecedor que pode provocar reaccións inesperadas nas persoas. Bloquéaas, petrifícaas co medo, fainas botar a correr… Son imprevisibles. As detonacións que mudan a vontade non só saen das armas de fogo: un accidente, un desamor, un desafiuzamento,… o paro. A fortaleza de cada un non só se precisa para superar o contratempo. É imprescindible tamén sortear as miradas dos demais e a incomprensión.
DisParo é o retrato dunha desas burbullas que nacen cos atrancos, nas que a óptica do mundo muda completamente en función do lado que nos toque en sorte ocupar. “

Se queres saber máis, podes ver a recensión do crítico literario Ramón Nicolás aquí, e tamén esta entrevista á autora, publicada na revista Palavra Comum.

Recomendamos: A teoría dos contrarios, de Pere Tobaruela

A teoría dos contrarios, Pere Tobaruela A teoría dos contrariosde Pere Tobaruela, é unha novela publicada por Edicións Embora.

“Luxuria e amor en cada poro das nosas peles. Sensación ilimitada de paixón, de achegamento. Proximidade. Pulmóns que necesitan respirar o mundo, aínda que sexa o aire rancio dun bar de cidade. Conxunción de soños e de designios de azar…
A teoría dos contrarios é unha historia de polos opostos que se atraen, e tamén de liñas diverxentes. Unha historia de amor que non entende de sexos, senón de desexo e sentimentos.”

Recomendamos: Contos nerviosos, de Fran Alonso

Contos nerviosos, Portada_contos_nerviosos.inddde Fran Alonso, ilustrado por Dani Padrón, está publicado por Edicións Embora.

“Ás veces suceden cousas tan inesperadas que os propios contos se poñen nerviosos. Os contos nerviosos son contos moi divertidos, pero non paran quietos porque lles tremen as palabras. Estes Contos nerviosos están protagonizados por un neno chamado Amelio que ten unha estraña alerxia ao ruído; por unha nena sen nome que ten unha amiga xirafa en Cabrafanada e recibe mensaxes misteriosas; por un neno que descobre que os videoxogos poden converterse en realidade e por Raíña, unha nena caprichosa que se enfada moito na festa do seu aniversario.”

Aquí podedes ler a recensión desta obra no blog Trafegando ronseis.

Presentación de Xeixos, de Suso Lista, este venres 18 de decembro

O 654_75482_CUB Libro Xeixos_BAJA.pdfvenres 18 de decembro, a partir das 20:00 horas, presentamos na Librería Xeixos, o último traballo narrativo até agora por Suso Lista, publicado por Edicións Embora. No acto, xunto ao propio autor, participa o dramaturgo Manuel Lourenzo.

En palabras do crítico literario Ramón Nicolás:
“Suso Lista ofrece a súa segunda incursión narrativa recorrendo, as máis das veces, á semblanza que abala entre crónica e ficción para deseñar un retrato do seu Corme natal, poboándoo así con personaxes e situacións singulares, sempre operativas para construír un vademécum irónico sobre a propia condición humana.
Neste deseño é o mar -ese murmurio continuo por veces abouxador- a testemuña imperturbable dos aconteceres que se experimentan. Mar e xentes simbolizados felizmente neses xeixos igualados pola aparencia lisa exenta de arestas, mais tamén diferentes entre si a rodaren suxeitos á erosión que o paso do tempo imprime. Xeixos que permiten reflexionar sobre o destino, a morte, a soidade ou a afouteza cun ton, naturalmente, salitroso.”

Presentación Xeixos Suso Lista e Manuel Lourenzo 18-12-2015

Presentación de Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar, o xoves 28 de novembro ás 20:00 h.

O xoves 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto (Campo de Marte-Rúa da Torre), coa colaboración da Libraría Sisargas, preséntase Viaxe polo corazón de Bergantiños, libro de Xosé Pumar Gándara, publicado por Edicións Embora. No acto de presentación, a partir de imaxes recollidas por toda a comarca, vai estar acompañado por Xosé Manuel Varela, da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, e grande dinamizador da cultura de Bergantiños.

Xosé Pumar foi un crego moi querido en Seavia de Coristanco, e Bastabales. Animou aos veciños a asociarse no mundo agrario e gandeiro, conseguindo grandes resultados. Tamen loitou polo papel da muller dentro da Igrexa, e traballou intensamente no eido da investigación etnográfica e histórica.