Recomendamos: Cotovía, de Dezső Kosztolányi

Cotovía, do escritor húngaro Dezső Kosztolányi, é unha obra narrativa traducida por  Sergio de la Ossa para Rinoceronte Editora.

“En Sárszeg, unha vila de provincias da Monarquía austrohúngara, habitan Ákos Vajkay e a súa muller na compañía da súa única filla, a fea e solteirona Cotovía. A viaxe de Cotovía para visitar os seus tíos no campo, causa de tristura nun principio, espértaos ás cores do teatro, aos recendos e sabores do restaurante Rei de Hungría, ao xogo do tarot, á vida en sociedade… a unha vida esquecida, soterrada baixo a orde e a rutina.
Co seu característico humor e fonda finura psicolóxica, Kosztolányi presenta en Cotovía un revelador retrato dos Vajkay e pinta un vivo fresco da súa Szabadka natal, onde por veces amosa, outras veces suxire, a face e o envés dunhas personaxes contraditorias, o colorido agachado baixo unha superficie de grises ou o drama oculto tras da caligrafía ordenada dunha carta.
Podes ler as primeiras páxinas do libro aquí.”

Dezső Kosztolányi (1885-1936) foi poeta, ensaísta, narrador e tradutor (entre outros, de Shakespeare, Wilde, Rilke, Goethe, Baudelaire, Verlaine e Maupassant). Publicou cinco libros de poemas, catro novelas e dous volumes de relatos, dos que proceden os contos aquí escolmados.
Kosztolányi é o grande escritor húngaro do século XX e probablemente un dos máis influentes de Centroeuropa. Mestre dos seus compatriotas Sándor Márai e Péter Esterházy, influíu fondamente no iugoslavo Danilo Kis. Tradutor, xornalista á par que frutífero escritor, anovou a literatura húngara dotándoa dunha gran carga irónica, creando personaxes que son parte do imaxinario colectivo do seu país.”