Caramulo, de Anxo Moure, visto por Olaia

Caramulo e a carpinteira dos soños é unha obra de Anxo Moure, con ilustracións de Cristina Ouro, publicada por Baía Edicións.

Esta é a lectura feita por Olaia (8 anos):

“Eu era unha árbore, e toda a xente me abrazaba. Os nenos trepaban por min, e os vellos desfrutaban da miña sombra. Pero un día un gran temporal tiroume ao chan, mais una rapaza moi corredora tropezouse comigo. Ela era carpinteira, e coas ferramentas na man me creou, e chamoume Caramulo. Tropeceime cunha porta e uns nenos contáronme todo o mal que podía pasarlle ó mundo. Crucei os bosques, e as fragas ate atopar a tenrura que buscaba. Pedinlle unha pouca prestada. Eu soñaba ser tileiro, un érbedo, un acivro ou un carballo.”

Recomendamos: Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville

Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville, publicada en Baía Edicións, foi a obra gañadora do 7º Premio Meiga Moira.

“O 15 de marzo de 1600, o mesmo día en que fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza, que comparte nome cunha das estrelas máis brillantes da constelación de Leo, loitará por un futuro máis luminoso ca este que o seu pai, o poderoso señor de Mourentán, elixiu para ela.
Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rendas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida.
Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, que relata o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.”

Aquí pode lerse esta entrevista ao autor.

Lóbez, de Antonio Yáñez Casal, visto por Olaia

Lóbez é unha obra de Antonio Yáñez Casal, publicada por Baía Edicións.

Esta é a lectura feita por Olaia:

“Lóbez quería ter irmás, pero os pais de Lóbez dicían que non e berraban: És o único!, profiriu o pai. És o único!, insistiu a nai.”

Olaia, 6 anos.

lobez-olaia-2016-11

Recomendamos: María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970), de Ana Romero Masiá

OMaría Barbeito libro María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970), de Ana Romero Masiá, está publicado por Baía Edicións.

“María Barbeito precisaba dun estudo histórico-biográfico, un texto con contexto, elaborado entre a historia social, a microhistoria e a historia cultural. Aquí está. Con soltura na escrita, cos detalles queridos á historia local, coa estrutura dunha coidada monografía, para mostrarnos o perfil dunha destacada educadora.
O presente estudo está organizado seguindo un criterio temático-cronolóxico. A esta introdución seguen catro capítulos dedicados aos catro ámbitos básicos da actividade de María Barbeito: o profesional, o benéfico-social, o literario-cultural e o das actividades cívicas e feministas. A eles segue un capítulo dedicado á traxedia que significou a depuración a que foi sometida e que determinou a separación da docencia, unha nova etapa na súa vida marcada polo silencio, a nostalxia e o sufrimento.”