Recomendamos: Cotovía, de Dezső Kosztolányi

Cotovía, do escritor húngaro Dezső Kosztolányi, é unha obra narrativa traducida por  Sergio de la Ossa para Rinoceronte Editora.

“En Sárszeg, unha vila de provincias da Monarquía austrohúngara, habitan Ákos Vajkay e a súa muller na compañía da súa única filla, a fea e solteirona Cotovía. A viaxe de Cotovía para visitar os seus tíos no campo, causa de tristura nun principio, espértaos ás cores do teatro, aos recendos e sabores do restaurante Rei de Hungría, ao xogo do tarot, á vida en sociedade… a unha vida esquecida, soterrada baixo a orde e a rutina.
Co seu característico humor e fonda finura psicolóxica, Kosztolányi presenta en Cotovía un revelador retrato dos Vajkay e pinta un vivo fresco da súa Szabadka natal, onde por veces amosa, outras veces suxire, a face e o envés dunhas personaxes contraditorias, o colorido agachado baixo unha superficie de grises ou o drama oculto tras da caligrafía ordenada dunha carta.
Podes ler as primeiras páxinas do libro aquí.”

Dezső Kosztolányi (1885-1936) foi poeta, ensaísta, narrador e tradutor (entre outros, de Shakespeare, Wilde, Rilke, Goethe, Baudelaire, Verlaine e Maupassant). Publicou cinco libros de poemas, catro novelas e dous volumes de relatos, dos que proceden os contos aquí escolmados.
Kosztolányi é o grande escritor húngaro do século XX e probablemente un dos máis influentes de Centroeuropa. Mestre dos seus compatriotas Sándor Márai e Péter Esterházy, influíu fondamente no iugoslavo Danilo Kis. Tradutor, xornalista á par que frutífero escritor, anovou a literatura húngara dotándoa dunha gran carga irónica, creando personaxes que son parte do imaxinario colectivo do seu país.”

Recomendamos: Nierikate, por Xoán Abeleira

Nierikate, de Xoán Abeleira, é un libro en edición limitada de 100 exemplares, da Colección Banfile.

Nierikate é un libro que recolle traducións ó galego da obra de máis de 150 autores (anónim@s incluíd@s), máis de trescentos textos en prosa e en verso de todas as épocas e de todos os continentes.
A obra da portada e o debuxo do colofón foron feitos por Ana Zapata.
Un libro único, de 430 páxinas, con tradución e notas de Xoán Abeleira.”

Recomendamos: Aventuras de Alicia no País das Marabillas, de Lewis Carroll, con ilustracións de Fausto Isorna e tradución de Xavier Queipo

Aventuras de Alicia no País das Marabillas, Xavier Queipo Lewis Carroll Alicia no Paísde Lewis Carroll, en versión galega de Xavier Queipo, con ilustracións de Fausto Isorna, está publicado El Patito Editorial.

“Hai 150 anos que saíu do prelo por vez primeira o conto que o diácono e matemático Charles Lutwidge Dodgson inventara para distraer o recreo das irmás Liddell, e que o converteu xa para sempre no escritor Lewis Carroll, seudónimo co que firmou esta obra, unha das máis influintes da literatura universal. Co gallo da efeméride velaquí esta edición, que conta coa versión galega de Xavier Queipo, escritor cunha recoñecida carreira que abrangue narrativa, poesía e ensaio, e que ten acadado numerosos galardóns —entre eles o Premio da Crítica española en 1990, o Xerais no 2011 ou o Arcebispo Juan de San Clemente do ano 2012. No campo da tradución recibiu, entre outros galardóns, o Premio Nacional pola súa colaboración na versión galega de Ulysses, de James Joyce. As colaxes que adornan o libro, obra de Fausto Isorna, pretenden fuxir da clásica iconografía de Alicia —asentada na espléndida versión de Tenniel—, e ofrecer unha ollada máis adulta, explorando as vertentes máis surrealistas e psicodélicas do texto.”

Aquí podedes ver unha entrevista ao ilustrador, Fausto Isorna, e a recensión do crítico literario Ramón Nicolás.

Recomendamos: A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly

A evolución de Calpurnia Tate, portada.fh11de Jacqueline Kelly, está publicada en Kalandraka. A tradución é de Carlos Acevedo.

Observar o mundo con curiosidade non era o que se agardaba dunha señorita de boas maneiras. Mais a Calpurnia interésanlle as teorías científicas de Darwin máis que conformarse coas limitacións dun destino predeterminado. No verán de 1899, a protagonista desta historia aprenderá a ser naturalista…

Podes ler un adianto da obra aquí.

Recomendamos: Os sete irmáns, de Aleksis Kivi

Os sete irmánsAleksis Kivi Os sete irmáns é unha obra narrativa de Aleksis Kivi, publicado por Rinoceronte, traducido do finlandés por Tuula Ahola.

Cando herdan a granxa familiar, os sete irmáns non queren oír falar de traballar e pagar impostos coma todo o mundo, nin moito menos aprender a ler. Así que os mozos deciden escapar do modo de vida que lles intentan impoñer na vila e bótanse ó monte, onde vivirán numerosas aventuras, construirán unha cabana e loitarán con osos e lobos. Tras varios anos de vida salvaxe, cambian de rumbo e deciden volver á vila, casar e asentarse como respectables granxeiros.
Publicada por primeira vez en 1870, Os sete irmáns foi mal recibida no seu momento polo seu realismo, humor e linguaxe. Porén, foi redescuberta como obra mestra no século XX ata converterse no libro máis popular de Finlandia e ser traducida a boa parte das linguas estranxeiras.
O éxito desta novela reside na mestura do tráxico e do cómico, no fiel retrato do carácter finlandés, insubmiso e supervivente, e na exquisita descrición da paisaxe nórdica. Unha historia emocionante e divertida que atrae por igual lectores de todas as idades.
Podes ler as primeiras páxinas do libro aquí.

Recomendamos: A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine

A utilidade do inútil, portada UTILIDAD.fh11de Nuccio Ordine, traducido do italiano por Carlos Acevedo, está publicado por Faktoría K, de Kalandraka.

“Fronte á crise do sistema e á corrupción, tan tristemente de actualidade, un manifesto necesario que rexeita a actual ditadura do beneficio e do utilitarismo, para apostar polos coñecementos que nutren o espírito: a filosofía, a música, a literatura, a arte…”

Esta é a opinión do crítico literario Ramón Nicolás, no seu blogue Caderno da crítica.

Recomendamos: Ruar. Unha aventura londinense, de Virginia Woolf

Ruar. Unha aventura londinense, Virginia Woolf Ruarlibro de Virginia Woolf, está publicado por Irmás Cartoné, con tradución de Celia Recarey e ilustracións de Carlos Valdés.

“Máis que un libro, este Ruar, unha aventura londinense é un xogo, un divertimento que as Irmás Cartoné queremos compartir coas nosas lectoras. A cousa vai así: Virginia pon as palabras, nós poñemos as liñas e vós dádeslle cor. Acompañade a Virginia neste vagaroso paseo por Londres á procura dun lapis e dádelle cor ás súas imaxes!”

Virginia Woolf Ruar 2

Recomendamos: Galiza, um país sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira

Galiza, um povo sentimental?, Galiza um povo sentimental? Helena Miguélezde Helena Miguélez-Carballeira, está publicado na Através Editora.

Este livro aborda como se construiu o mito da Galiza como um país sentimental e “feminino”. Desde o século XIX a história cultural e política do país vem marcada por este tropo colonial, fundamento discursivo que veu a alimentar umha relaçom disfuncional entre a Galiza e o Estado Espanhol.
Ao longo deste livro, fruto do rigoroso trabalho de Helena Miguélez-Carballeira, encontraremos respostas a muitas perguntas que era preciso fazer-se: é a Galiza um povo sentimental? É possível construir uma história a partir da subalternidade? Pode uma língua ser “indecente”? Que origens reivindicar? Fica a crítica reintegracionista livre de toda culpa na “sentimentalizaçom” da imagem da Galiza?
Originalmente editado em inglês, a versom galego-portuguesa é um trabalho de Fernando Vásquez Corredoira. O resultado é a traduçom e adaptaçom de umha obra fundamental, que nos oferece umha necessária incursom no passado ainda presente da Galiza e nos seus mitos como também umha aposta valente para entender o complexo discursivo colonial a partir de umha perspectiva de género.

A autora.
A viguesa Helena Miguélez-Carballeira é professora titular de Estudos Hispânicos na Universidade de Bangor, no País de Gales. Filóloga de formaçom e doutora pela Universidade de Edimburgo, as suas pesquisas abordam a história cultural galega e espanhola numha perspectiva pós-colonial e feminista.
Para além de traduzir para o inglês Maria do Cebreiro (I Am Not from Here; Shearsman, 2010) e editar o livro A Companion to Galician Culture (Tamesis, 2014), tem publicado em revistas como o Bulletin of Hispanic Studies ou The Translator, sendo ademais diretora do Centro de Estudos Galegos do País de Gales e editora de Galicia21: Journal of Contemporary Galician Studies.”