Presentación de número 32 da Revista Murguía, dedicado ás Irmandades da Fala e o seu tempo, o xoves 10 de marzo ás 19:30 h.

ORevista Murguía 32 xoves 10 de marzo, ás 19:30 horas, presentamos o número 32 da Revista Murguía, dedicada ás Irmandades da Fala e a Galiza do seu tempo, coa presenza de Pilar García Negro, autora dun texto adicado a Ramón Vilar Ponte e a súa obra O feito lingüístico galego, e Uxío-Breogán Diéguez, director da publicación, ambos profesores da Universidade da Coruña.
O acto enmárcase nun ciclo de actividades que organiza a ‘Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruñaen homenaxe e lembranza ao ‘Levantamento de Pascua” na Irlanda de 1916, ao que se suma Murguía, Revista Galega de Historia.

“O presente volume de Murguía, Revista Galega de Historia é unha lembranza ás Irmandades da Fala (IF) e a Galiza do seu tempo, diante do cen aniversario da creación destas no 1916. Unha iniciativa que alumeou a galegas e galegos non só do primeiro terzo do pasado século. Un destes galegos impregnados do espírito das Irmandades foi o historiador Francisco Carballo (1925-2014), que lembramos na sección Fontes a partir dunha conferencia que dera no seo do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), a quen galardonamos a título póstumo co ‘II Premio Manuel Murguía ao labor e mérito historiográfico’ no mes de setembro.
Abrimos as páxinas de Investigación con dúas achegas que nos recrean a realidade agraria e obreira da Galiza de finais do s. XIX e do primeiro terzo do século XX, da man de Carlos Velasco Souto, profesor da Universidade da Coruña (UDC), e do investigador Dionísio Pereira. A seguir a profesora da UDC Pilar García Negro trata arredor da obra O feito lingüístico galego de Ramón Vilar Ponte; abordando Justo Beramendi, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o proceso de creación e primeiro axir das Irmandades da Fala. Aliás, o profesor Xesús Torres Regueiro mergúllanos nas singularidades da IF de Betanzos. Por último, Miguel Cabo Villaverde, profesor da USC, afonda na atracción do galeguismo do primeiro terzo do s. XX polos Países Baixos; para José Enrique Portela dar conta do significado popular e nacional da obra pictórica de Daniel Rodríguez Castelao e o prolífico investigador e músico Ramón Rodríguez Palleiro, Moncho do Orzán, apresenta un traballo arredor dos coros galegos e, nomeadamente, sobre as dúas primeiras décadas da formación Cántigas da Terra.
Na sección A Entrevista a investigadora e escritora Marga do Val conversa con tres das bisnetas de Cándida Rodríguez González, labrega asasinada en Sobredo no 1922 no marco dunhas mobilizacións populares. As páxinas de Lembranzas fican ocupadas, da man do historiador Prudencio Viveiro Mogo, polo recordo a un dos fundadores das Irmandades da Fala, Lois Porteiro Garea. En Museos e Arquivos Pedro Incio Piñeiro, xefe da sección de información e referencia da UDC, percorre a Biblioteca da Real Academia Galega. Gustavo Hervella García, Prudencio Viveiro Mogo e Miguel Anxo Santos Rego encárganse das páxinas de Lecturas, comentando A Revolución escrita. A prensa obreira galega (1866-1936), Nacionalismo Galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975) e Emigración, negocios e política na Galicia rural: Coles (1887-1940), autoría dos historiadores Óscar Freán, Uxío-Breogán Diéguez e Raúl Soutelo, respectivamente. Para finalizar, na sección A Rede visitamos o sitio web do Arquivo do Nacionalismo Galego e do Nationalism Studies Program.”