Recomendamos: Pasatempo, o novo disco de Radio Cos

Pasatempo é o novo disco de Radio Cos, publicado estes días.

“RADIO COS, uns pandeireteiros de sona que fixeron evoluír a nosa música naturalmente.
Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, son dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galiza. As melodías utilizadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas.
Vai para xa nove anos que RADIO COS leva percorrendo escenarios en Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galiza transmitindo o seu modo de entender a nosa música tradicional.
Agora preséntannos o seu primeiro disco, música de raíz que mestura a sonoridade máis arcaica con elementos tirados da propia tradición e melodías alleas que gardan relación co país.
A banda confórmana tres prestixiosos músicos: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón.
Este traballo, concebido con forza e alegría, quere mostrar a invisibilidade que sufren as culturas minorizadas a pesar de estar aí, de arrodearnos, de ser verdades manifestamente palpábeis.”

Presentación e coloquio do escritor portugués Samuel Pimenta con Pedro Casteleiro, o 21 de outubro ás 20:00 h.

14666306_10210309194907537_3041715881479942454_nA sexta feira 21 de outubro, polas 20:00 horas, terá lugar a apresentación do poemario Ágora e a obra narrativa Os Números que Venceram os Nomes, do escritor portugués Samuel Pimenta, quen manterá unha conversa co poeta galego Pedro Casteleiro. No acto participará tamén o músico Pedro Campos.

Deixamos aquí a entrevista ao autor publicada na revista Palavra Comum. e tamén a ligazón ao seu blogue.

Samuel Pimenta foi o gañador do IV Prémio Glória de Sant’Anna neste 2016, do que foi tamén finalista Pedro Casteleiro.

Presentación do disco Raíces aéreas, con Mónica de Nut e Luís Martíns

OMónica de Nut Raíces aéreas xoves 15 de setembro, ás 20:30 horas, na nosa libraría, Mónica de Nut (voz) e Luís Martíns (arpas celtas acústica e eléctrica) presentan o seu disco Raíces aéreas, gravado pola discográfica Freecode. Colabora Lucía Martínez nas percusións, zanfona e obxectos sonoros. Son e master Isaac Millán, Lagharteira Produccións. Deseño gráfico e fotografías Uqui Permui.

“O elemento inspirador son as gravacións de recollida de campo en Galicia, cantos de mulleres que transmiten toda a forza ancestral. Cantos crus, vitais e poderosos, conéctannos á raíz de saber de onde vimos e cal é a nosa esencia. Enormemente agradecidas por este manantial, e con moitísimo respecto, recreamos esa herdanza aportando as nosas ás mediante a voz e a arpa.”

Se queredes coñecer máis deste proxecto podedes escoitar algúns temas no perfil de Soundcloud, ou ver e escoitar Seitura aquí:

foto-RAICES-1

Recomendamos: o novo traballo musical de Xosé Lois Romero e Aliboria

Aliboria Xosé Lois Romero e Aliboriaé a nova proposta musical de Xosé Lois Romero & Aliboria.

“Aliboria é un colectivo de novos músicos galegos (formado por María Montero, Jorge García, Andrea Montero, Ramón Dopico, Cristina Sánchez, Mariana Montero, Antonio Prado, Alejandra Montero e Cristina Pico), dirixidos por Xosé Lois Romero, que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra.
As mulleres e homes que conforman Aliboria representan unha nova xeración de músicos cun coñecemento profundo do seu folclore e cunha gran calidade técnica, un equipo perfecto para que o mestre Romero dea un novo paso adiante na evolución da música popular galega, que está a vivir o seu momento máis fértil e en permanente proceso de actualización.
A música de Aliboria combina as voces ancestrais da tradición oral de Galicia coa forza e o colorismo multitímbrico da percusión tradicional, todo tinguido coa frescura e a enerxía que a xuventude dos seus membros lle aporta.
Bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.
En 2016 publican o seu primeiro disco, como presentación desta nova proposta que nace coa vontade de amosar ao mundo a vitalidade da música galega.”

Recomendamos: A voz do vento, libro-CD en homenaxe a Manuel María

A voz do vento A Mesa A voz do ventoé un libro-CD publicado pola Mesa pola Normalización Lingüistica en homenaxe a Manuel María.

A voz do vento quere ser unha homenaxe ao recoñecido poeta e incansábel activista a prol da nosa lingua e de tantas causas xustas, socio e xeneroso colaborador da Mesa.
O libro ilustrado por Jano componse de 11 temas. Os temas son extraídos dos libros: Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas.
A tribo incomprensíbel está composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás. Neste libro-CD colaboraron coas súas voces Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa.

Recomendamos: Teatro de Guiñol, de Pirilampo

Teatro de Guiñol Pirilampo Teatro de guiñolé un libro-CD do grupo Pirilampo, publicado por Galaxia.

“Pirilampo volve coa súa enerxía de sempre e, desta volta, abeirado aos poemas retranqueiros e festivos de Manuel María. Unha combinación que é garantía de moitas horas de diversión”

Segundo Ramón Nicolás: “(…) Unha iniciativa loable, así pois, que pon enriba da mesa unha ferramenta útil e probablemente precisa para espallar a obra literaria do autor de Terra chá entre o público máis novo e non só. O libro, ademais, incorpora un corpus magnífico de ilustracións a cargo do artista gráfico Iván R. e mais un fermoso limiar, a cargo de Xurxo Souto, que define este grupo musical que ideou o proxecto como “un comando musical itinerante de artistas ventureiros que avanzan pola noite e enchen de melodías todo o que tocan coa súa luz”.
Moi atinada, por outra parte, paréceme a escolla realizada, entre a oceánica obra poética de Manuel María, para compor este libro e para musicar poemas como son “O vento”, “Poemiña do señor regato do Cepelo”, “O galo”, “A natureza”, “Teatro de guiñol”, “A fala”, “Neve” “O bolo”, “O meu cuarto, “Anduriñas” e a “Biografía da muiñeira”, todos eles procedentes dos libros As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá. Contemplados globalmente resultan composicións que constitúen unha pequena escolma chea de sentido, moi ilustrativa no que respecta a aos asuntos recreados e dominadas tanto por un forte ritmo interno como por un indubidable espírito festeiro e optimista. (…)”

Recomendamos: Libremente, de Labregos do Tempo dos Sputniks

Libremente Labregos no Tempo dos Sputniks Librementeé un disco de Labregos do Tempo dos Sputniks, grupo que conta con Lydia Botana, García MC e O Leo i Arremecághona.

“O grupo defínese por practicar Foliada Rap’n Punk. Trátase do primeiro traballo físico dos Labregos do tempo dos Sputniks, unha formación de trío que reivindica a canción protesta e que celebra así os seus dez anos de rebeldía e de rexa conciencia sobre os escenarios.”

Presentación de Fíos do querer, novo traballo de Cé Orquestra Pantasma, o mércores 24 de febreiro, ás 17:30 h.

Este mércores,Cé Orquestra Pantasma 24 de febreiro, ás 17:30 horas, teremos a Cé Orquestra Pantasma presentado o seu novo traballo, Fíos do querer.

Baixo Cé Orquestra Pantasma agóchase o vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixoado dos instrumentos musicais. Comezou a súa andaina musical aos oito anos dentro da música tradicional e dende aquela non deixou de navegar polos variados estilos da musica popular, chegando a formar parte de grupos tan dispares entre si como A Roda ou banda de punk Oxtiax ke te Pariu.

Cé Orquestra Pantasma Fíos do querer

Recomendamos: Nas Pedras do Lar, de Pepe Vaamonde Grupo

Nas Pedras do Lar é Pepe Vaamonde grupo Nas pedras do laro novo traballo musical de Pepe Vaamonde Grupo.

“A banda de música folc galego Pepe Vaamonde Grupo leva máis de trece anos de vida e 200 concertos nos escenarios máis representativos de este estilo musical. O seu espectáculo é un proxecto artístico baseado nas creacións propias e nunha visión persoal da música do país, que se reflicte nun directo contundente e orixinal. O grupo liderado polo compositor, gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde, e o arranxista e guitarrista Pipo Alvariño, presentan o seu novo disco Nas Pedras do Lar. Novo proxecto musical que xunto co resto dos compoñentes da banda: Jesús Vidal (baixo), Miguel Anxo López (percusións) e Miryam González (acordeón) pretende expoñer un espectáculo baseado na forza e contundencia da música folc galega para o directo. Despois dos tres traballos discográficos da banda: Aviouga, Onde Nace o Vento e Introterra, nace este novo disco gravado en directo nos impresionantes PKO Studios (Madrid), e que conta ademáis coas colaboracións de Javier Feijoó (voz), Brais Monxardín (piano), Germán Díaz (zanfona) e Pablo Dalama (saxo). Disco de máis dunha hora de duración dividido en catorce cortes musicais de moi diversa índole estética, sendo o elemento natural que faltaba na súa discografía…o cuarto elemento … o lume… quen guía e fusiona a esencia da música tradicional galega de sempre con toda unha chea de novos sabores sonoros. O arrecendo da Terra fúndese na Pedra da Lareira, a través do Lume, con outros ingredientes provintes de moi diversos estilos musicais, creando un novo caldo de onde renace unha nova música con claro xeito a folc galego do século XXI. (Inquedanzas sonoras).”