Recomendamos: Mariña: de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira

Mariña: de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira, libro que conseguiu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016, está publicado por Galaxia.

“O libro é unha análise e estudo da apropiación dos mitos célticos e da relixiosidade galaica realizada polo cristianismo. Neste caso, exemplificada a través das múltiples advocacións a Santa Mariña presentes en Galicia. Mariña: de deusa a santa está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transofrmacións históricas do culto pagá e do cristián. Estas transformacións converteron os lugares de culto coma montes, fontes, árbores e lagoas sagradas en lugares cristianizados. O traballo de investigación realizado polo autor insírese dese xeito nunha tradición de grande importancia para a cultura galega, tradición que chanta as súas raíces no labor do Seminario de Estudos Galegos. Velaquí un ensaio ben documentado e cunha exposición analítica dun caso senlleiro que constitúa unha especificidade de enorme significado para a antropoloxía cultural de Galicia.”

Recomendamos vivamente entrar no blogue do autor!

Presentación de Novas do exterior, de Xosé Luís Santos Cabanas, o venres 16 de xuño ás 20:00 h.

En Novas do exterior. 63.000 quilómetros de viaxes á cadea hai unha fronteira que divide o mundo, a que forman os muros e os arames da prisión, e tamén quilómetros e quilómetros de estradas, percorridos co desexo de achegarse a un ser querido, de reducir a distancia que o serpara do fogar. Crónicas dunha viaxe, a do autor e a súa compañeira, para ver o fillo, arrastrado polo espectáculo político construído arredor do que deron en chamar Resistencia Galega, e detido nunha operación policial na que foron usados procedementos tristemente próximos aos de tempos en aparencia xa superados. Un fillo condenado ao afastamento xeográfico, o illamento carcerario e a incerteza do próximo destino. Este libro lémbranos –perante a impunidade dun sistema que precariza a liberdade propia de cada cidadán– que a revolución do cotián é a mellor forma de resistencia, e que fronte á violencia do Estado temos armas que non disparan, senón que vencellan os seres humanos: un activismo de xestos solidarios que racha os muros das cadeas. Fronte á fala burocrática da administración carceraria e a súa visión unívoca, fronte aos berros e a linguaxe autoritaria, temos palabras que conversan e comparten. Fronte aos edificios grises e enreixados das prisións, que levantan muros entre a xente, posuímos a arquitectura colectiva dos afectos, a construción vagarosa, mais tamén firme, dun espazo común de liberdade.

Presentación de Años de guerra y revolución (1936-1939), de Antonio Seoane Vázquez, o martes 20 de xuño ás 20:30

O martes 20 de xuño, ás 20:30 horas, presentamos Años de guerra y Revolución (1936-1939), libro de memorias de Antonio Seoane Vázquez, publicado por Bolanda.

“Este é o libro de memorias temporais de Antonio Seoane Vázquez, “Comandante Profesional del Ejército español”. Como tal asina o mecanoescrito orixinal que, baixo o rótulo de “Malhechores de España” e co subtítulo “Años de guerra y revolución”, recolle as súas lembranzas e visións do acontecido en Barcelona e Cataluña entre o 19 de xullo de 1936 e os primeiros días de febreiro de 1939 nos que, en compañía de miles de persoas refuxiadas, atravesou El Pertús. Atinadamente Bolanda Edicións escolleu, para a súa publicación, o subtítulo engadíndolles o período temporal das lembranzas.
Tras a chegada a Francia, Antonio Seoane ponse a escribir os seus recordos e valoracións dos anos de “guerra e revolución”, intensamente, ata rematar un bo mangado de cuartillas que editadas ocupan case trescentas páxinas. Labor que dá por rematado en Montaubau o 8 de abril de 1940. Nesta vila, uns meses despois, falecerá o presidente Azaña e alí segue soterrado como símbolo manifesto de que a sociedade española non foi quen de superar e enviar á arca da historia o conflito social e político que estourou naquel mes de xullo de hai oitenta anos.
Antonio Seoane era un militar profesional e unha de tantas e tantas persoas que nada tiña claro na realidade confusa, como todas as realidades, que o leva a escribir no primeiro capitulo do seu libro: “¡Son nuestros! ¡Están con nosotros! ¿Por qué, si son nuestros , hacen fuego contra los suyos? (…) ¿quiénes somos unos? ¿quiénes otros? ¡Cómo y por qué podemos distinguir a los enemigos?”. Ata o final deste capitulo non o saberá: “La incógnita se había despejado y por fin sabía lo que era y lo que defendía. Era republicano y defendía la República. Y a solas conmigo mismo, pensé un segundo en mi familia y, para tranquilizarme, como si de esa manera los considerase salvados de todo peligro, y yo más fuerte y seguro de mí, grité con mi corazón ¡Viva España!, y una escalofriante sacudida recorrió todo mi ser. ¡La suerte estaba echada!”.
Pero o pensamento non salvaba a familia. Os outros tres irmáns tamén militares estaban no bando sublevado. O máis pequeno deles, Manolo, falece vítima dun obús das tropas leais. Esa morte marcará a vida de Antonio e impulsarao a realizar unha especie de exorcismo redactando estas memorias que, que saibamos, nunca pretendeu editar nin, o máis seguro, se lle pasou pola cabeza tal cousa. Gardouno e levouno consigo ata a súa morte. Foi a súa esposa quen llo entregou ao seu sobriño e afillado, Antón Seoane, en 1993. Ata agora, pasados setenta e sete anos da súa redacción, non viu a luz nin para o público nin para a maioría dos seus familiares máis achegados.
Antonio regresou, co apoio familiar, en 1948. Estableceuse en Pontevedra, traballou en Jesús Lago y Lago e en Seguros Zurich e paseou polas súas rúas na compaña da súa esposa francesa, Nenette, ata a súa morte en 1983.
E chegamos os que andamos con estas cousas e decatámonos do pouco que entendemos e do pouco que sabemos. Antonio Seoane, militar profesional, de familia de militares, formado en Zaragoza, fogueado na guerra de Marrocos, na Lexión de Millán Astray, sublevado con Sanjurjo en 1932, encarcerado e xulgado polo goberno da República… atópase, en 1936, en Barcelona, ao mando dunha compañía da “Guardia de Asalto” e fará a guerra, ocupando lugares de relevo tanto no campo de batalla como nos servizos secretos, ás ordes da Generalitat e da República ata o exilio. Logo virá a outra vida sostida sobre a ocultación do pasado.
A realidade é ben máis complexa que a diseccionada, analizada, sintetizada, temporalizada polos manuais e as explicacións académicas. A realidade constrúese a partir de decisións persoais, tomadas sen as referencias que nos dá, ou nos oculta, a distancia histórica. As veces un ten a impresión de non entender moito o que pasou.

Venres, 24 de marzo de 2017.
(Texto de Carlos Meixome)”

Presentación de Amada García e os seus arredores, de Bernardo Maiz, o xoves 23 de marzo

O xoves 23 de marzo, ás 20:00 horas, Bernardo Maiz presenta Amada García e os seus arredores, publicado por Edicións Embora, coa presenza do seu autor, xunto ao que participarán tamén Emilio Grandío e Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

“Amada é o fío condutor deste estudo, figura simbólica dun pobo que viu coutadas as súas esperanzas cando tomaba ao fin o protagonismo histórico.
Ofrece este volume a visión dun tempo republicano que concluíu cando a xente do común como Amada García Rodríguez foi vítima dun “golpe de estado perpetrado por Franco o 18 de xullo de 1936, o réxime ditatorial consecuencia deste golpe de estado e os crimes e represión exercidos sobre as persoas vencidas” (Parlamento Galego, 18 de xullo de 2016).
Preséntanos o autor unha Amada García histórica, fidedigna, contextualizada, lonxe da ficción, extraendo da documentación escrita, “do rastro que deixou”, só o que acredita como verdadeiro, que non é o mais épico nin o máis tenro nin o máis tramático, aspectos estes case sempre esaxerados e inexactos. A historia real supera á ficción.”

Pode lerse aquí esta entrevista de Xurxo Salgado ao autor, Bernardo Maiz, en Historia de Galicia: “Amada García loitaba polo empoderamento feminino e por iso a asasinaron na Guerra Civil“.

Recomendamos: Oiko-nomía do xénero, por Rebeca Baceiredo

Oiko-nomía do xénero, de Rebeca Baceiredo, é un ensaio publicado por Axóuxere Editora.

“A visión que nos presentaron historicamente como verdade única –e que foi usada como criterio socializador–, así como os propios conceptos empregados na confección do discurso patriarcal, son sinxelas proxeccións do actual paradigma interpretativo: a perspectiva patriarcal, edificada como norma hermenéutica, que se impón como prisma para ler a evolución das sociedades e das súas subxectividades interiores.
Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979), nunha fina re-interpretación das pegadas históricas, que van desde a Prehistoria ata a vertixinosa contemporaneidade do neoliberalismo, pasando pola Idade Media e por varios sistemas culturais non occidentais, proponnos con Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras unha re-visión e axuste daquel mito explicativo, a partir da análise do xénero como función subalterna, e da íntima relación que o xénero garda co concepto de propiedade, oiko, e co da súa xestión, nómos. Seguindo as liñas abertas pola antropoloxía marxista e feminista, son pensadas as formas da propiedade, a mercadoría e o diñeiro, vinculadas todas elas ao papel deses suxeitos subalternos que son, neste caso, as mulleres.”

Aquí pode lerse a entrevista que Montse Dopico realizou á autora en Praza.

Presentación de Arredor das Irmandades da Fala

O xoves 2 de febreiro, ás 20:00 horas, preséntase o libro Arredor das Irmandades da Fala, coordinado por Luís Cochón, e publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao coordinador, Xulio Ferreiro, Xosé Ramón Barreiro, Arturo Casas e Manuel Bragado.

Este libro, coordinado polo profesor Luís Cochón, reúne trinta traballos moi diversos arredor das Irmandades da Fala, o fenómeno que supón o principio da modernidade en Galicia no século XX. Un período, entre 1914 e 1931, que na historia do galeguismo configura un espazo sen volta no acontecer de Galicia, que comeza co inicio da Gran Guerra e se alonga até a proclamación da República do 31, ano de fundación do Partido Galeguista e da celebración da VII Asemblea das Irmandades da Fala, principio e cabo deste tempo. Tras un limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín e unhas palabras introdutorias do editor literario, os traballos organízanse en tres grandes bloques: Pensamento, Política e Poética. Unha tríade que, coincidindo coa celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, artella un libro de intención coral, interdisciplinar, transversal e aberta. “Nesta obra, en realidade, aquel que se presenta como coordinador é verdadeiramente un autor. Luís Cochón esixe e orienta os partícipes que ten ao seu redor e reparte traballo. E dálles a palabra aos mortos. Pilla aquí e acolá, do patrimonio de vivos e defuntos, porcións de pensamento que acheguen máis as Irmandades para que poidamos rescatalas do estado de momificación nocional en que se encontran no discurso histórico comunmente aceite e oficializado. Pódese falar de collage, de mosaico, mesmo de farrapeira, pero o resultado é un centón que vai apaixonar o lector disposto a participar da aventura menos coñecida do pasado do cal dependemos” (Xosé Luís Méndez Ferrín).

Recomendamos: Figuras da finitude, de Francisco Sampedro

Figuras da finitude,francisco-sampedro-figuras-da-finitude de Francisco Sampedro, é un ensaio filosófico publicado por Laiovento.

“A morte non é un “problema”, nin aínda menos un “misterio”, en canto que non se pode enunciar nin resolver. Noutro contexto ben distinto, como é sabido, Marx dicía que a humanidade só formula aqueles problemas que pode resolver; porén, é claro que todos os humanos se cuestionan acerca dela. Desde aqueles que só o fan en situacións límites ou ante a desaparición das persoas amadas, até outros que –no outro extremo do espectro- o fan desde a neurose obsesiva no medio dunha angustia que chega a paralizar a súa mesma vida e que anula calquera proxecto existencial. Como asunto científico, a morte é totalmente asequíbel. Tamén como asunto literario. Outra cousa é abordala, como o fai a filosofía, en tanto finitude da existencia humana. É dicer, non se trata da morte como feito, senón da cuestión da conciencia da finitude.”

Aquí podedes escoitar unha entrevista co autor arredor desta obra no Diario Cultural da Radio Galega.

Presentación de Vilcabamba, de Santiago del Valle, o xoves 13 de outubro, ás 20:30 h.

Osantiago-del-valle-vilcabamba xoves 13 de outubro, ás 20:30 horas, presentamos Vilcabamba, de Santiago del Valle, publicado por Ediciones del Viento.

“Hiram Bingham buscaba Vilcabamba la Grande en 1911 cando encontrou Machu Picchu, mais a ubicación da capital perdida do derradeiro reino Inca continuou sendo un misterio.
En base a documentos do século XVI, Santiago del Valle e outros investigadores conseguiron identificar en 1997 o emplazamiento de Vilcabamba la Grande. En Vilcabamba, el refugio sagrado de los incas, del Valle relátanos a aventura humana e científica que supuxo esta longa investigación en que dirixiu dezaseis expedicións, xunto con arqueólogos e historiadores peruanos e españois.
Nunha documentada narración vainos desvelando a orixe e desenvolvemento das antigas culturas andinas, a formación e progresión do imperio inca e a conquista española en 1532, así como a rebelión de Manco Inca en 1536, que deu lugar á formación do reino inca de Vilcabamba; gobernado sucesivamente polos catro derradeiros incas: Manco Inca, SayriTupac, Tito Cussi e Tupac Amaru. Tamén dedica varios capítulos a explicar a historia posterior do distrito de Vilcabamba e o despoboamento daquel territorio, que motivou a desaparición da última capital sagrada dos incas cuberta durante séculos pola selva.”

Recomendamos: Libro de horas, de Miguel Anxo Murado

Libro de horas,miguel-anxo-murado-libro-de-horas de Miguel Anxo Murado, é unha obra publicada por Galaxia.

“Un dobre do rei de Marrocos, Hong Kong nos últimos días de control británico, unha alfombra que conta un xenocidio…

As historias desde libro están tomadas da realidade pero aparecen filtradas pola sensibilidade do escritor. Nas súas páxinas, polas que tamén transcorre a barba de Tutankhamon, a cabeza de Goya ou a figueira de Rosalía, o lector atopará explicacións a preguntas tales como cal é a única persoa cuxas cinzas repousan na lúa, como soan as cancións dos Rolling Stones en latín, como se pode que deducirán sobre a nosa Europa uns hipotéticos arqueólogos do futuro a partir da distribución das moedas de euro. Son historias, a fin de contas, que pretenden “sobrevoar os temas do día para, a base de darlles unha volta, facelos máis complexos e non máis simples”…”

Pode lerse aquí a recensión de Ramón Nicolás e esta entrevista no Diario Cultural da Radio Galega.

Recomendamos: Viaxe á última revolución, de Xerardo AgraFoxo

Viaxe á última revolución, de Xerardo AgraFoxo, Xerardo AgraFoxo Viaxe á última revoluciónestá publicado por Galaxia.

“A viaxe que conta este libro comeza o 3 de novembro do ano 2014 en Lavacolla e remata trinta e un días despois no aeroporto internacional da Habana.

O autor xa estivera en Cuba trinta anos antes, cando o Muro de Berlín aínda existía e a Revolución tiña moitos adeptos. Tres décadas despois, para coñecer os cambios que se produciron na illa, Xerardo AgraFoxo decide viaxar en solitario. Montado en camións, coches e trens doutra época, o auñtor atravesa Cuba curante trinta días, dende Baracoa ata Pinar del Río, para -despois de dous mil quilómetros de percorrido- escribir unha crónica que destaca polo ton sincero das súas observacións e a amenidade das súas páxinas.”