Recomendamos: Radio BuleBule, de Paco Nogueiras

Radio BuleBule é o novo traballo musical, en formato de libro-CD, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.

“O medio radiofónico inspira as 12 cancións deste novo libro-cd-dvd no que volven participar o ilustrador David Pintor e José Miguel Sagüillo dirixindo os videoclips que, como novidade, forman unha curtametraxe. Os temas dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades -tendencias, ciencia, natureza…-, música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica.

Conta cun limiar de Xurxo Souto, e epílogo de Ponte… nas ondas!, e as colaboracións dos xornalistas Ana Romaní, Xabier Fortes, Xosé Manuel Pereiro, María Xosé Rodríguez, Susana Pedreira, Tino Santiago, Fernanda Tabarés, Ainhoa Apestegui, Pablo Lago, Henrique Sanfiz, María Solar e Emilio Españadero.”

Xandra, a landra que quería voar, de Mercedes Queixas, visto por Olaia

Xandra, a landra que quería voar é unha obra de Mercedes Queixas, con ilustracións de Paula Pereira, publicada por Urco Editora.

Esta é a lectura feita por Olaia (8 anos):

“Xandra era unha landra que soñaba con voar, e gustáballe moito mirar ó ceo.
As súas compañeiras querían caer da árbore, para soportar o vento, pero un esquío díxolles que as podían pisar os animais.
Cando caeron da árbore botáronse a durmir nas follas.
Xandra soñaba con voar. Xa se cumprira o seu soño.”

Recomendamos: Pakolas, de Paco Cerdeira

Pakolas é o novo traballo musical, en formato de libro-CD, de Paco Cerdeira, publicado por Galaxia.

“Cancións para rockandrollear, para soñar, para non parar de mover o esqueleto e de aprender.

Pakolas é un libro-CD que recolle na edición 10 novas cancións orixinais e tamén un dos contos que engloba o proxecto, e como novidade aporta a colaboración para a súa elaboración co Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, co que o autor traballou dende un primeiro momento. Deste traballo conxunto nacen estas cancións pero tamén os contos que as acompañan, xerando unha historia fantástica cunha parábola ou moralexa final, ademais de material complementario pedagóxico ao que se poderá acceder de xeito multimedia, xunto co resto dos contos. Así tanto estes profesionais logopédicos, como os centros escolares ou os propios lectores, a través dun código BIDI, atoparán materiais adicionais ademais do propio contido do libro.

A ilustración do libro corre a cargo da creatividade de Laura Romero, licenciada en Belas Artes na Universidad de Salamanca, que consegue darlle vida a eses animais protagonistas das cancións e contos fantásticos, a través das imaxes cheas de colorido.”

Recomendamos: O lapis máxico de Malala, de Malala Yousafzai

O lapis máxico de Malala, é un libro de Malala Yousafzai, Premio Nobel da Paz, ilustrado por Kerascoët, e traducido para o galego por María Alonso Seisdedos, publicado por Xerais.

O primeiro álbum ilustrado de Malala inspirará a nenos e nenas de todo o mundo a atopar a maxia ao seu redor. Malala, como o personaxe dunha serie da televisión, desexaba ter un lapis máxico. Con el faría feliz a súa familia, borraría o cheiro a lixo da cidade, detería o tempo para durmir unha hora máis pola mañá… Pero nun momento dado caeu na conta de que había cousas máis importantes que arelar. Non lle gustaba o mundo que vía e quería mudalo. E aínda que nunca atopou un lapis máxico, decatouse de que podía traballar arreo para facer realidade os seus desexos.Este volume, fermosamente ilustrado, narra a historia de Malala para o lectorado máis novo e amosa como se pode abrazar a esperanza, mesmo nos momentos máis difíciles.”

Aquí podes ler a recensión do libro publicada no blogue Trafegando ronseis.

Recomendamos: Mudança política e sistemas culturais em transiçom, de Roberto Samartim

Mudança política e sistemas culturais em transiçom, é un completo traballo de Roberto Samartim, publicado por Laiovento.

“Este trabalho aborda o funcionamento do sistema cultural galego na passagem do franquismo para a regime autonómico. Com base na análise do processo de construçom do Sistema Literário Galego entre 1974 e 1978, o livro estuda a estrutura, a evoluçom, a distribuiçom social e geocultural, as relaçons internas e externas, e as normas e os materiais com que som estabelecidas as margens desse sistema deficitário. O estudo ocupa-se, aliás, dum período histórico caracterizado pola forte mudança política e em que som fabricadas ou socializadas no espaço político e cultural da Galiza um conjunto alargado de ideias em grande medida ainda hoje vigorantes.
Para além de analisar as tomadas de posiçom, os programas e as estratégias planificadoras com que os grupos ativos nos campos político e cultural da Galiza do final do franquismo pretendem balizar e identificar a comunidade galega, umha leitura desde o presente pode, quiçá, ajudar a entender as posiçons ocupadas na Galiza autonómica por esses grupos, assim como o relativo sucesso ou fracasso das suas ideias e estratégias político-culturais em relaçom com o grau de naturalizaçom delas na sociedade galega. Quiçá, até, essa leitura seja oportuna para nos perguntarmos em que medida as ideias e estratégias que hoje nos construem garantem a soberania e a viabilidade da Galiza como comunidade político-cultural diferenciada, e de que maneira elas contribuem, ou nom, para o bem comum.”
Podes ler as primeiras páxinas do libro aquí.”