Recomendamos: Horizonte de sucesos, de Anxo Fariña

Horizonte de sucesos, de Anxo Fariña, é unha obra publicada por Xerais.

“Tiña dezaoito anos e estaba a piques de comezar o primeiro curso na facultade de Belas Artes cando entrou como bolseiro educador na Escola Fogar do centro de acollida de menores Cidade Infantil Afonso X. Naquel ambiente de aire decadente e escuro, envelenado polo cheiro da fábrica monstruosa, ocorreu o incidente do que aparentemente non houbo testemuñas. Deixándose levar polas dores da “migraña”, o educador rememora o horizonte daquel suceso tráxico que lle deixará marcas perturbadoras capaces de variar o seu rumbo.”

Aquí pode lerse unha crítica da obra, publicada en Trafegando ronseis.

Recomendamos: Historia social da lingua galega, de Henrique Monteagudo

Historia social da lingua galega, de Henrique Monteagudo, é unha obra publicada por Galaxia.

“Un estudo que pretende reconstruír as complexas relacións entre lingua e sociedade en Galicia a través do tempo, fundamentado nun sólido marco conceptual e metodolóxico que cuestina tópicos e doutrinarismos, este libro constitúe unha achega fundamental e enriquecedora ao coñecemento do noso pasado desde a perspectiva da Sociolingüística. A través das súas páxinas, pódese seguir a evolución da relación entre a sociedade galega e as linguas (nomeadamente, o galego, o latín e o castelán), contextulizada nas sucesivas coordenadas históricas e socio-culturais. Aténdese tanto o ámbito da comunicación -as funcións sociais das linguas- como as ideoloxías e os imaxinarios colectivos -as representacións sociais- e a maneira en que se integran nas dinámicas de moldeamento das identidades sociais. Rica en información, que se presenta de xeito claro e conciso, esta obra ofrece perspectivas novidosas sobre a historia social do idioma galego, e, por iso, desde a súa primeira edición en 1999, se tornou referencia obrigada para os estudosos e todas as persoas interesadas polo tema.”

Recomendamos: Versos para conversar, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

Versos para conversar, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, é unha obra publicada por Galaxia.

“Poesía que vai de ti para min.
Para ler e entender o mundo. Para saber como se nomean as cousas. E para recitar e falar. Unha pequena folerpa poética. Versos delicados que pintan de cor as cousas todas.”

Aquí podes ler unha pequena presentación na TVG e a crítica de Ramón Nicolás.

Recomendamos: O tabú na traslenda, de Isidro Novo

O tabú na traslenda, de Isidro Novo, está publicado por Urco Editora.

“O autor, dándolle gozo á súa imaxinación, quixo facer notorio o seu optimismo cara ao futuro do medio rural galego que a día de hoxe aínda está nun deprimente retroceso, a pesar deses gromos de xente con preparación cara a un obxectivo rendíbel que se asenta nel con intención de permanencia. A novela desenvólvese nunha parroquia de interior (Amarelle), unha parroquia que, sen nada que a potencie sobre as demais do seu arredor, estrañamente resiste cos mesmos habitantes de principios do século XX e no imaxinario de quen a habita latexa que é un ser sobrenatural que sobrevive neles como mito o que vela para que se manteña cunha vitalidade estábel. Os habitantes de Amarelle renegan das mouras como mito estereotipado diante da xente de fóra, pero ao mesmo tempo entre eles cren na súa, porque teñen constancia de que a Moura de Amarelle é un ser benfeitor, e máis dende os tempos nos que o seu amante é un veciño moi querido da parroquia que, namorado e perseguido, quixo ser encantado por ela.”

Aquí pode lerse unha recensión da obra en Kindlegarten.