Recomendamos: A galera de Xelmírez, de Xabier Paz

A galera de Xelmírez,Xabier Paz A galera de Xelmírez obra narrativa de Xabier Paz, está publicada en Edicións Xerais.

“Por encargo do arcebispo de Compostela dous homes novos e un mozo parten de Pisa cara a Iria para construír unha nave de guerra. O piloto e mestre Fuxón Bonincontro, o carpinteiro de ribeira Stefano Bagnoli e o aprendiz Francesco Nuti atravesan a península polo camiño como tantos outros peregrinos, inda que eles non o sexan. O que non saben é que esa viaxe os vai transformar radicalmente. Deixado o amparo da rutina, o Mundo, o Demo e a Carne asexan os viaxeiros cos seus galanos. A viaxe, nas súas novidades e encontros, suporá unha vía de autocoñecemento de consecuencias tráxicas. Fuxón vai ser o máis afectado. O lado escuro da propia sexualidade e o descubrimento de certas propiedades dalgunhas plantas provocarán nel unha fascinación irreparable. Co decorrer das xornadas mudarán as relacións entre Fuxón e Stefano, que deixarán de ser quen eran. A galera, sombra esvaecida na conciencia de Fuxón, tornará en grave obriga para Stefano. Co pano de fondo da loita polo poder relixioso e político, os tres viaxeiros apenas gustarán de canto lles ofrece o camiño: a presenza islámica, as novidades litúrxicas, as vilas rebuldeiras, as feiras…, para eles todo semella espectáculo antes que realidade. Tan só Francesco, coa súa inocencia, será quen de evitar os perigos nos que naufragan os seus compañeiros e conseguirá adaptarse no novo país. Escrita cun estilo coidado que fai desta novela unha magnífica peza literaria, Xabier Paz retorna para ofrecerlles aos seus lectores e lectoras a mellor narrativa.”

Podedes consultar aquí a crítica literaria feita por Xosé Manuel Eyré.

Recomendamos: Aprendendo a ladrar, de Xardín desordenado

Aprendendo a ladrar, Xardín desordenado Aprendendo a ladraré o novo disco de Xardín desordenado.

“Dende 1.963 ata a data designáronse 52 autores no Día dás Letras Galegas. Dos 52, unicamente 3 foron mulleres: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007).
É un dato que se comenta só.
Á xente de Xardín Desordenado gústanos contrapoñelo con outro dato, aínda que oficioso: o da abafadora maioría de poetas mulleres obtendo hoxe en día premios de todo tipo e ocupando foros solemnes ou recitais en bares. Un percorrido idéntico ao realizado polas mulleres nas últimas décadas e en todos os ámbitos.
“Aprendendo a ladrar” podería presentarse como a nosa homenaxe a ese esforzo e a ese triunfo; pero non o é, senón simplemente o desfrute dos magníficos textos ofrecidos polo talento feminino, para compoñer cancións con eles.
Ao final incluíronse 17 autoras no CD, pero quédanos o resentimento de deixar no caixón case outras tantas cancións (as decisións ao respecto resultaron unha auténtica tortura) con textos de idéntica calidade. De feito, non descartamos a edición dun “Aprendendo a ladrar, segunda parte”.
As poetas incluídas en “Aprendendo a ladrar” son:
Lucía Aldao
Olga Novo
Yolanda Castaño
María do Cebreiro
María Lado
Marica Campo
Emma Couceiro
Luísa Castro
Iolanda Zúñiga
Rosalía de Castro
Luz Pichel
Cristal Méndez
Marta Dacosta
Chus Pato
Emma Pedreira
Estíbaliz Espinosa
Mª do Carme Kruckenberg”