Recomendamos: O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá

O viaxeiro radical, Xerardo Quintiá O viaxeiro radicalde Xerardo Quintiá, é unha novela publicada por Galaxia.

“O poeta e narrador Xerardo Quintiá conta a historia dun home extraordinario que, encirrado pola busca do inalcanzable, decide vivir á marxe de calquera convencionalismo ou imposición, en permanente conflito consigo mesmo e coa sociedade. Unha obra de ficción que volve poñer de actualidade os logros artísticos da primeira literatura moderna —da Nova Heloísa de Rousseau ao Wilhelm Meister de Goethe— e os achados do pensamento idealista do século XIX.
O viaxeiro radical é unha novela baseada na figura de Manfred Gnädinger, artista alemán que en 1962 chegou á vila de Camelle despois dunha longa viaxe cruzando boa parte de Europa. Nese momento comeza a historia dun home extraordinario que, encirrado por un pulo de liberdade, decidiu vivir á marxe de calquera convencionalismo ou imposición, en permanente conflito cos que o rodeaban. Un artista ceibe e solitario, marxinal por convencemento e necesidade, que transformou a súa propia existencia coa finalidade de que Vida e Arte se fundisen ata formar un todo indisoluble.
A novela indaga nos aspectos que, en determinados momentos da vida do protagonista, o empurraron a tomar decisións controvertidas, e pretende achegarse á cerna do personaxe para comprender a razón da súa radicalidade existencial. Ao mesmo tempo, a ficción leva a quen le a facer unha reflexión sobre aspectos fundamentais que determinan a existencia, tales como o amor, a amizade e a busca do sentido da vida.”

Recomendamos: Un anaquiño de horizonte, de Arturo Abad e Miguel Cerro

Un anaquiño de horizonte, Un anaquiño de horizontecon textos de Arturo Abad e ilustracións de Miguel Cerro, é unha obra publicada por Oqo Editora.

Ao horizonte fáltalle un anaquiño
á dereita de onde se pon o sol.
Por ese oco saltan os peixes
e as botellas que esconden mensaxes secretas.

Un pirata vive obsesionado coa idea de descubrir que se esconde detrás do horizonte. Nin as novas aventuras, nin as batallas, nin o xogo do “zapatiño quieto é”, co que a miúdo se entretén para paliar as horas mortas, distráenlle da súa obsesión.
Para pescudalo, un día emprende unha longa e dura viaxe ata o fin do mundo. A medida que se vai achegando pensa que, no fondo, afástase máis del. Entón, decide xogar co horizonte a ese xogo ao que está tan afeito: “unha, dúas, tres, zapatiño quieto é”.
Por fin sénteo máis cerca e pode asomarse a contemplar o que hai detrás. Desde ese día, volve todas as semanas para xogar co horizonte que, agradecido, regálalle un anaquiño.

O autor Arturo Abad articula un relato en torno a dúas ideas:
– O universo réxese por unhas normas que deben ser respectadas.
– Todos temos a necesidade de alcanzar os nosos soños por imposibles que parezan.
Para axuntar os dous conceptos, Abad propón xogar coas regras para conseguir a nosa meta: “hai moitas regras e algunhas poden supeditarse a outras, segundo o noso criterio. E confirma que non se pode alcanzar o horizonte, certo, pero tampouco che podes saltar as regras do “zapatiño quieto é”. Á hora de elixir, para un neno é máis importante o xogo que a realidade”.
O ilustrador Miguel Cerro recolle esta idea do xogo na súa proposta plástica. Recoñece que foi un reto ilustrar un texto tan poético e confesa haber gozado moito realizando a imaxe da visión do horizonte final: “cando todo descóbrese… esa imaxe clásica e antiga de cando se pensaba que a terra era plana.”
Da man deste pirata-poeta, que “lanza poemas ao vento para alegrar ás gaivotas”, penetramos nun relato de aventuras, cargado de metáforas, que nos recorda a importancia de buscar e seguir o noso camiño, sen ceder no empeño, para poder alcanzar os nosos obxectivos.”

Recomendamos: Cuestións vitais secretas, de Iván García Campos

Cuestións vitais secretas, Iván García Campos Cuestións vitais secretasde Iván García Campos, é unha obra publicada na Editorial Galaxia.

“Sobre os segredos xa está todo dito, o importante é descubrir o modo no que as aparencias aínda revelan o que permanece oculto.
Os relatos de Iván García Campos introdúcense no interior das vidas correntes para axudar a quen le a desvelar o inminente: aquilo que sempre está a piques de acontecer e parece que endexamais chegará a realizarse. Coa precisión dun ebanista, o autor ensambla emocións, xestos e desexos; pescuda nos feitos, observa o comportamento, narra os pormenores para debuxar o contorno do que nunca se conta, para asediar o destino que os segredos marcan. Velaí a razón de que as cousas que permanecen sen ver a luz exerzan tanta atracción, o motivo polo que acaban subxugando a quen as experimenta.”

Recomendamos: Cadros dunha exposición, de José Antonio Abad

Cadros dunha exposición é CUADROS portada.fh11un libro-disco de José Antonio Abad sobre a obra musical homónima de Modest Mussorgski, publicado por Kalandraka.

“Ocazul percorre o Museo de San Petersburgo onde contempla, ao ritmo da música de Mussorgsky, as pinturas de Hartmann. Os cadros toman vida, facendo desta visita unha experiencia inesquecible, a medio camiño entre a realidade e a fantasía. Un libro-disco para espertar a curiosidade artística e a imaxinación.”