Presentación de A porta de Europa, de Sabela Muñiz, o venres 24 ás 20:00 horas

O venres 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro A porta de Europa, de Sabela Muñiz, publicado en Redelibros. No acto a autora estará acompañada por Xurxo Souto.

“Dende o desenvolvemento das vías marítimas como principal medio de intercambio entre diferentes comunidades, a situación xeográfica e a singularidade orográfica das costas galegas sitúan o norte peninsular como un lugar estratéxico para poder introducir de maneira doada e discreta calquera tipo de mercadoría cara ó interior peninsular e europeo.
Mais os anos gloriosos dos clans da droga quedan atrás e un futuro incerto planea sobre o territorio. Os enfrontamentos entre os que queren recobrar aqueles días de poder e prestixio e os que pretenden evolucionar cara a unha nova organización apoiados polos cárteles, converten de novo a Galicia na chave para dominar Europa.
Neste escenario convulso transcorren as vidas dos personaxes desta historia. Trátase dun relato de suspense e ficción, cheo de complots e maquinacións, no que as verdadeiras intencións de cada quen son unha incógnita ata derivar nun final inesperado.”