Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira

Continuamos coas colaboracións de lectores, cunha nova suxestión de Ramiro Torres.

Podería falar de nubes é um bem interessante livro de relatos de Francisco Castiñeira, a quem se pode seguir no seu blogue Chove en ningures.
O livro, publicado em Redelibros, aporta muita frescura ao leitor, algo assim como um caleidoscópio tingido por essa forte imaginação do autor onde logra surpreender-nos com as histórias tecidas segundo os princípios clássicos dos relatos -lograr manter a atenção e deitar, no fim dos mesmos, uma outra olhada que obriga a reconsiderar o lido, e mesmo grande parte das nossas convenções-.
Escritos com bom ritmo, obrigando a não soltar o livro até rematar cada parte, deixam a certeza de estarmos ante um autor com bom ofício narrativo, capaz de abordar diversas perspectivas sem perder nunca o interesse para quem participa desta leitura como acto de intensidade espalhada sabiamente nas suas quase 200 páginas.
Parabéns, Francisco, por esta pequena incursão no maravilhoso quotidiano, que permite aparecer na sua grande luminosidade o mistério da escrita como metáfora da própria vida.”

Concerto-presentación de Toc Toc, de Pablo Díaz

Rematamos este ano con esta proposta ben suxerente para todo o público interesado(a entrada é gratuíta!).

O sábado 28 de decembro, ás 12:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n), haberá un concerto-presentación de Toc-Toc, de Pablo Díaz, tamén publicado en Galaxia.
“Un feixe de cancións cheas de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida os malos rollos e si a defensa do medio ambiente, a protección dos animais e todas esas cousas que nos axudan a facer un mundo mellor. Un disco pensado para toda a familia, e do que gozarán todas e todos, en especial os máis pequechos da casa, que non van parar de cantar e bailar.”

Presentación de Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo

O venres 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, obra conxunta de Manuel Gago e Manel Cráneo, publicado en Xerais.

“Nun territorio extenso, misterioso e brutal no que aínda hoxe vivimos, os deuses conviviron cos homes, beberon da súa cervexa, participaron das súas batallas, exiliáronse nos seus montes. Nas vellas aldeas, na noite dos castros, hai máis de dous mil anos, alí onde hoxe vemos mudas ruínas circulares e murallas derrubadas, contáronse historias fermosas transmitidas de xeración en xeración. Historias de deuses que viven, que nacen, choran, aman, sangran, viaxan de monte en bosque, e das illas ás costas; historias nas que non existen fronteiras entre o real e o fantástico, porque, coma no tempo de hoxe, o mundo dos homes é sobre todo imaxinación. Deuses e homes corren baixo a chuvia, e as súas palabras son levadas polo vento e as augas, que son a cerna de Galicia. Manuel Gago imaxina os soños, as lendas e os mitos da Idade do Ferro, como un reporteiro de viaxes que leva a súa gravadora ao interior destas cabanas castrexas. Un minucioso traballo de documentación histórica foi o paso previo para deixar voar a imaxinación e entrar nun universo cultural mítico, onde o vento e a chuvia nos traen versos, memorias e a recuperación de centos de nomes de persoas, cidades e seres míticos da Galicia previa á invasión romana, ata agora descoñecidos polo gran público. As ilustracións de Manel Cráneo recrean este mundo con formas e cores poderosas que nos fan viaxar no tempo.”

Presentación do libro-CD Pan de millo, de Migallas, o sábado 14 de decembro

O sábado 14 de decembro, ás 11:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro-CD Pan de millo, de Migallas, publicado en Kalandraka, con ilustracións de Dani Padrón. No acto haberá música e diversión para todas as idades!!

Pan de millo é un libro-disco publicado por Kalandraka e dirixido a público familiar en que Migallas Teatro, formado por Carlos Yus e María Campos, reúne 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais que interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática. Os arranxos e adaptacións están feitos por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.

Presentación de Cadeas, de Xabier López, o venres 13 de decembro

O venres 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Cadeas, de Xabier López, que obtivo este ano o Premio Xerais de Novela. No acto, coorganizado pola Asociación, a editorial e esta libraría, participan, xunto ao autor, Francisco X. Fernández Naval e Fran Alonso.

Nun porto afastado, Manuel Antonio mantén unha fermosa historia de amor cunha sorprendente muller á que coñeceu grazas a un estraño navegante chamado Joseph Conrad. Un rapaz de 15 anos relata a época en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila. Dous grupos de mozos provocan unha trifulca durante unhas festas patronais ao inicio da Transición. O músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú establecen unha engaiolante historia de amor… Cadeas é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar. A novela iníciase a partir da anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa. Entre ambos os dous establécese unha curiosa e incómoda relación que nos conduce a un debate sobre a identidade do que é ou non é hoxe unha novela. Desde o fragmentarismo dun narrador que ás veces é pop e ás veces é culto, Cadeas paséanos por diferentes atmosferas, rexistros e historias con gran sentido do humor e cunha áxil ironía. Esta é a novela dun ventrílocuo, alguén capaz de enredarnos a través de diversos xogos textuais que pretenden evidenciar para o narrador a imposibilidade de contar, problematizando as dificultades da escrita.