Presentación de Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar, o xoves 28 de novembro ás 20:00 h.

O xoves 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto (Campo de Marte-Rúa da Torre), coa colaboración da Libraría Sisargas, preséntase Viaxe polo corazón de Bergantiños, libro de Xosé Pumar Gándara, publicado por Edicións Embora. No acto de presentación, a partir de imaxes recollidas por toda a comarca, vai estar acompañado por Xosé Manuel Varela, da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, e grande dinamizador da cultura de Bergantiños.

Xosé Pumar foi un crego moi querido en Seavia de Coristanco, e Bastabales. Animou aos veciños a asociarse no mundo agrario e gandeiro, conseguindo grandes resultados. Tamen loitou polo papel da muller dentro da Igrexa, e traballou intensamente no eido da investigación etnográfica e histórica.

Presentación de A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota, este sábado 23 de novembro ás 19:30 horas

A Terra Queima é un libro-disco obra de Xurxo Souto, o músico Lalo Carnota, e ilustrado por Sesé Barreiro e Xulio Rey, publicado en Xerais. Preséntase o sábado 23 de novembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto (Campo de Marte-Rúa da Torre), coa colaboración da Libraría Sisargas.

“Chíos de paxaros, vento entre as árbores, murmurios nas fontes, nos montes… Cantiga marabillosa! Só cómpre, como fixo Antón, o protagonista deste conto, deterse un chisco e escoitar a música da natureza. Mais, atención! Esta melodía ás veces tamén pode facerche graves confidencias. Mesmo reclamar a túa axuda para salvar o Mundo!”