As voces baixas, de Manolo Rivas

Manolo arrastra un cu de remendos pola Pena do Cuco. Arricha o seu ollo inquedo polo burato do valado, e alí, na Eira de Felipe, voa a moza, e o burro sabio fala dos lobeiros e mariachis que veñen polo Camiño dos Montañeses, acubillando segredos na Fraga do Crego.
Pola tarde as folerpas catódicas alumean a Taberna de Leonor, mentras o vento dá a volta polo Penedo do Goliacho.
Toda Elviña é desafío antroideiro, e pousadoiro para as Cascudas Mariñanas.

As voces baixas, de Manuel Rivas, está publicado en Xerais.

O códice do Santo Lugar, de Pere Tobaruela

Xelmírez e Xelmirio, pai e fillo, no adarve das Torres de Catoira, debrúan o solpor do Ulla. Teñen o lombo canso. A morte alampea co nome de Deus, e a guerra arrola a bispos, e reis, que soñan con reinos de taifas.

Só as veces o amor e a bondade abrollan nos camiños, entre herbas que curan a peor ferida dos homes.

O códice do Santo Lugar, de Pere Tobaruela, está publicado en Xerais. O autor abriu un blogue co mesmo título da obra.

A Muiñose

Fantástica esta aportación ao Concurso InvestigArte, A Muiñose, para o que podes votar na parte esquerda da pantalla, a carón do corazón:
A mitose bailada a ritmo de muiñeira polos compañeiros de 1º e 4º de ESO do IES Otero Pedrayo da Coruña.
Aproveitando a paciencia das nosas profesoras para poñer a “bailar” a setenta e nove alumnos, quixemos xuntar a ciencia e a nosa cultura bailando a ritmo de muiñeira o proceso de división celular da mitose. Todo esto foi gravado por outros seis compañeiros, catro de 1º da ESO e dous de 4º, que ademais nos axudaron nos materiais, vestiario e organización. Os alumnos de 4º da ESO xa estudiaran o proceso, os de primeiro non temos que ver estos contidos aínda, pero entendímolos ben, e cando cheguemos a 4º e demos a mitose será difícil esquecer que fomos cromosomas, membranas, centríolos…

Viaje por las escuelas de Galicia, por Luis Bello

Luis chouta nas pozas, e asubía nas congostras. Escribe na prensa liberal madrileña pra os que soñan. El cre na escola e miaña contra o discurso reaccionario e hipócrita do gasto suntuario.
Mestres sen recursos, e un pobo con vontade que quere crer no futuro, nunha España de entreguerras, que devagar, labra os seus primeiros perpiaños no ensino popular.
Viaje por las escuelas de Galicia, de Luis Bello, está publicado por en Nigra en edición de Antón Costa Rico.