A figueira dos Pelostortos, de Ana Gª Castellano e Mikel Mardones

Había tres nenos que querían figos da figueira de Pelostortos. Dasme algo. ¡As almas en pena que non me collan os figos da miña figueira!. Polo mediodía, pola tarde, pola noite. Pola mañá durmía. Foron de puntillas , e subiu un neno, e ñeeeee, e o máis gordo. E despertou, e fóronse correndo. E pola noite, ¡somos as almas en pena da túa figueira!. Cando estabamos vivos, collíamos figos da túa figueira. Agora que estamos mortos vímos por Pelostortos. E os nenos comeron figos da figueira cheos de risa. (Mariña, 5 anos).

A figueira de Pelostortos, con texto de Ana Gª Castellano e ilustracións de Mikel Mardones, está publicado en Oqo Editora.

Paseo literario con Xurxo Souto: Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes, o sábado 24 de novembro

Desde a Axenda Cultural da AELG:

“O sábado 24 de novembro, con saída ás cinco da tarde desde o adro do antigo templo dos mariñeiros, a actual igrexa castrense de Santo Andrés da Coruña, e con asistencia é libre e aberta á cidadanía, terá lugar un paseo que fai parte das actividades do obradoiro Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, dirixido por Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e financiado pola Deputación Provincial da Coruña.
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 ás cinco da tarde e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos –de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.

DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón -conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.

Este percorrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, que imparte o escritor Xurxo Souto no Club do Mar de Santo Amaro nos meses de novembro e decembro, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.”

Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro

Deixadez e casualidade na fronteira. Vergoña e cansazo. Ironía ata que escampe. Unha guerra civil deconstruída. Tiburóns e baleas partillando. Abrahams ó pé do espazo abisal, no que abrolla o Monte Albán.
Un cartulario surreal, e de grande beleza. Os nosos adentros.

Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro, está publicado en Xerais.

Galicia Rural, de Iain Colquhoun

Iain Colquhoun, un inglés que reside aquí desde 1991, deixounos esta ollada delicada e tan allea como propia á Galicia Rural de onde provimos case todas e todos nós. Unha forma de ver e de vernos do máis interesante. Nas súas palabras:
“(…) A cultura rural en Galicia, os seus costumes e obxectos, a súa arquitectura e a súa simple pero efectiva tecnoloxía foi construída pola xente común e é unha herdanza inestimable que non só ten que ser consevada, contemplada e admirada; é un modelo do cal tirar algunhas leccións importantes para o futuro. É hora de que escoitemos de novo unhas voces vellas e sabias que seguen resoando entre estes vellos muros de pedra e que nos falan doutra maneira de vivir en consonancia coa nosa verdadeira humanidade e co noso planeta Terra. (…)”.

Obradoiro de creación literaria Historias da Cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, con Xurxo Souto

Desde a Axenda da AELG:

Co título Historias da cidade-barco. A Coruña, capital do mar, a Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pon en marcha o seu sexto obradoiro. Co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración do Club do Mar de Santo Amaro, o escritor Xurxo Souto desenvolverá a partir do venres 9 de novembro, en 8 sesións, un obradoiro aberto á maiores de 16 anos, cos seguintes contidos:

– Todos os grandes ciclos míticos do mar recalaron na Coruña.
– Don Emilio González López e a ruta do “curricán”. A historia da cidade contada polos camiños do mar.
– Do antigo gremio de mareantes.
– Toponimia e talasonimia do mar da Coruña.
– Os homes mariños do Orzán e o Tritón de Lisboa.
– A outra banda do Muro: Terranova e Gran Sol.
– A Coruña-La Habana. A cultura galego renace polos camiños do mar.

A inscrición, gratuíta, farase por orde de solicitude até completar as 20 prazas dispoñibeis, a través dos seguintes medios:
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Teléfono: 981 133 233 (luns a xoves, de 08:30 a 14:30 e de 15:30 a 18:00; venres, de 08:30 a 14:30 horas).

Con esta iniciativa, a AELG desenvolve un dos seus obxectivos: dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.

Cando lle preguntaron a Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar.
Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico segue afirmar o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron na nosa ribeira. Esta é á fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición greco-latina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera os nomes das pedras da ribeira. Por iso, principiaremos o obradoiro pola descuberta dese tesouro toponímico: o Xogadorio, o Gueivouteiro, a Rabaleira, o Grelle, o Xanrei…nomes das rochas percebeiras do pé da Torre. Mais tamén a eufonía dos caladoiros que rodean á cidade: Carpancho, Abarracidos, Acentes, Tousas de Leste, Tousas de Vendaval.
Non Coñece A Coruña quen só coñece A Coruña. Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é!
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. O Padre Rubinos no Poema da Cruña, Monterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e converter tantas mareas en literatura. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso de moitas novas singraduras da Cidade-Barco.